'Memoria, cohesión e innovación', eixos da 39ª Mostra de Teatro de Ribadavia

A MIT abrirá coa estrea na Galiza de Fuck Me. da recoñecida directora arxentina Marina Otero o día 15 de xullo e pecha coa estrea do proxecto gañador do III Certame Manuel María de Proxectos Teatrais, O Auto do Castromil, o día 23 de xullo.

'As que limpan' de A Panadaría, estará presente na MIT Ribadavia. (Foto: Leticia T. Blanco)
photo_camera 'As que limpan' de A Panadaría, estará presente na MIT Ribadavia. (Foto: Leticia T. Blanco)

A Mostra Internacional de Teatro de Ribadavia presentou onte o seu programa para a súa 39ª edición, que decorrerá desde o 15 até o 23 de xullo. Arredor do lema 'Memoria, cohesión e innovación', a MIT quere apostar pola "diversidade e polos valores emerxentes", nun festival que homenaxeará os pioneiros do grupo Abrente, organizadores da primeira Mostra de Teatro Galego de Ribadavia, hai agora cincuenta anos.  

A MIT abrirá o seu programa co polémico espectáculo da arxentina Marina Otero Fuck Me, e presentará no Auditorio do Castelo as obras Mujer en cinta de correr sobre fondo negro de Alessandra García, unha peza escénica que funciona como radiografía da persoa de barrio humilde; Aquellas que no deben morir, da compañía catalá Las Huecas; If, La ligereza, da compañía Sr. Smith, unha función na que o público decide a progresión da peza; a última obra de Matarile Teatro, Fráxil. Handle with care

Tamén estará presente As que limpan, o grande éxito de A Panadaría, de quen tamén se presentará unha función especial de Elisa e Marcela na igrexa da Madalena; Homenaje a Billy el niño, un espectáculo de Teatro del Barrio, entre o documento e a sátira do musical, cuxo protagonista é o célebre policía do franquismo e torturador condecorado coa medalla de prata ao mérito policial en 1977; Cucaracha con paisaje de fondo, obra coa que a compañía Mujer en obras vén de gañar os dous principais Premios Max aos valores emerxentes.

A MIT Ribadavia fechará coa esperada estrea de O auto do Castromil, de Manuel María, dirixida por Quico Cadaval e que supón o terceiro proxecto convocado pola Fundación Manuel María. Na rúa e nos espazos exteriores das parroquias da capital do Ribeiro tamén existe unha programación na que destacan espectáculos de danza (coas compañías Elahood, a valenciana Maduixa ou Colectivo Glovo), de novo circo (Kanbahiota ou a compañía italiana Dúo Kaos) ou aqueles máis próximos á narración oral, coma A parábola do angazo, coa que se celebran os 35 anos da creación da compañía galega Talía Teatro.

 

Outras actividades

A MIT recupera as sesións golfas, nas que se poderá desfrutar do premiado espectáculo Solo, do clown galego Roi Borralas ou Lerele, da actriz con raíces ribadavienses Cecilia Vázquez. 

Ademais, celebraranse as Xornadas de teatro e memoria da Transición, en colaboración co Consello da Cultura Galega, residencias artísticas, presentacións, e premios.  

Comentarios