Rosa Álvarez recibe o Premio Academia Galega de Teatro

A actriz e directora Rosa Álvarez é unha das pioneiras do teatro profesional galego desde os tempos da Agrupación Cultural Abrente.
Rosa álvarez recibindo o Premio de Honor Marisa Soto, en 2018.
photo_camera Rosa álvarez recibindo o Premio de Honor Marisa Soto, en 2018.

A Academia Galega de Teatro comunicou onte que concede o Premio Academia Galega de Teatro 2023 á actriz e directora Rosa Álvarez, "pola súa dilatada carreira, sempre na procura da excelencia artística, e o seu compromiso coa loita pola dignificación da profesión teatral, nomeadamente pola visibilización e posta en valor do rol da muller no teatro galego". O Premio seralle entregado o 21 de xullo, ás 13 horas, no salón de actos do Concello de Ribadavia, no marco da celebración da XXXIX Mostra Internacional de Teatro.

 

Pioneira da escena 

Rosa Álvarez (Carballeda de Avia, 1950) iniciou a súa implicación co teatro na década de 1970, converténdose nunha pioneira das artes escénicas da Galiza. Fixo parte do grupo de persoas fundadoras da Agrupación Cultural Abrente -da que chegou a ser presidenta- e, pouco despois, as primeiras Mostras de Teatro de Ribadavia. Ambos fitos son considerados, xunto ao teatro independente que agromou na Coruña a finais dos sesenta, como pasos imprescindíbeis na fundación do teatro profesional galego en 1978. 

Álvarez tamén impulsou a creación da Sala Carral de Teatro de Vigo, da compañía Teatro do Malbarate (compañía formada integramente por actrices xunto a Mabel Rivera e Marisa Soto) ou da Asociación de Actores e Actrices de Galicia (AAAG), da que ostenta o número 1 de asociada e da que exerceu como presidenta entre 1994 e 1996. 

Actriz e directora teatral, Rosa Álvarez conta cunha dilatada traxectoria que a levou a participar nun gran número de montaxes de compañías privadas como Teatro do Atlántico, Teatro Artello ou Redrum, e do Centro Dramático Galego. Ademais, realizou abondosas incursións no audiovisual. 

Fundou xunto a Ernesto Chao a compañía Lagarta Lagarta, na que traballou como actriz e directora. En montaxes como Aeroplanos, Cásting, O segredo dos Hoffman e Unha hora na vida de Stefan Zweig exerceu como directora, mentres que nas lembradas Fobias e As últimas lúas traballou como intérprete. 

Comentarios