mércores 08/12/21
CARME VIDAL, AUTORA DE 'MARUXA MALLO'

“Maruxa Mallo era demasiado libre para a sociedade do seu tempo”

“Alegre, revolucionaria, pioneira, comprometida, complexa…” son algúns dos cualificativos que lle dedica a xornalista Carme Vidal a Maruxa Mallo, a pintora surrealista á que se lle dedicará en 2017 o Día das Artes Galegas. 

marujamallo1
Maruja Mallo [CCG]

Maruxa Mallo será a terceira artista á que se lle dedica o Día das Artes Galegas, logo do Mestre Mateo e de Castelao. Carme Vidal, que publicou no ano 2000 unha biografía divulgativa da pintora na colección ‘Mulleres’ da editorial A Nosa Terra, considera que “o Mestre Mateo é un xenio, Castelao ten unha obra brillante e Mallo é unha das figuras máis atractivas dentro da nosa historia cultural por moitas razóns. É un personaxe importantísimo, cunha biografía moi interesante, unha muller que resucita a cada pouco. En certa medida é unha supervivinte”. 

A comezos do milenio A Nosa Terra encetaba a colección Mulleres con dúas biografías de dúas mulleres galegas que non se coñeceron pero que tiveron vidas paralelas: Maruxa Mallo e María Casares. “As dúas son mulleres moi poderosas que toman as rendas da súa vida, que se teñen que exiliar, que fan boa parte da súa obra fóra do país. E que teñen que volver a inventarse”.

O caso de Maruxa Mallo (Viveiro, 1902-Madrid, 1995) é clarísimo, afirma Vidal: “É unha muller pioneira e revolucionaria, tamén no plano persoal”, mentres lembra que estudou na Real Academia de Bellas Artes de San Fernando cando non había mulleres ou saía de xolda pola noite en Madrid, sen estar casada, tal e como aparece nun cadro de Dalí, xunto co propio pintor catalán e Buñuel. 

As ‘sensombreiro’

En Madrid, xunto coa súa amiga Margarita Manso, idean a performance de ir á Porta do Sol sen sombreiro, o que rematou en insultos e mesmo en agresións. De aí naceu o concepto ‘sensombreirismo’. Quería ser libres e facían accións, como entrar nunha igrexa en bicicleta para rebentar a imaxe encorsetada das mulleres. 

"Mallo é unha das figuras máis atractivas dentro da nosa historia cultural por moitas razóns. É un personaxe importantísimo, cunha biografía moi interesante, unha muller que resucita a cada pouco. En certa medida é unha supervivinte”. 

A información galega está na túa man!

Subscríbete ao noso boletín de novas.

Date de alta de balde e recibirás unha selección dos nosos artigos para saberes o que acontece.

Aínda que ela nunca se definiu como feminista, segundo Carme Vidal, a súa figura foi recuperada por este movemento que colleu a súa figura como “interesante para reivindicar pola súa condición libre, irreverente, polo carácter pioneiro, atrevido, por esa alegría e felicidade”.

Mallo era unha muller “demasiado libre mesmo para os homes progresistas e de esquerda do seu tempo”. “Ten relacións con moitos homes, con algúns moi coñecidos, unha das máis intensas é con Rafael Alberti que el oculta moito tempo. Nas súas memorias non a citan ao principio, pero logo arrepíntese do esquecemento ao final, e nas últimas edicións inclúea”, apunta a xornalista. E, abonda, “ela tivo unha presenza importante na súa época, pero hai señores que a eliminaron, non aparecía citada en moitos documentos a pesar de que si estivera. Era demasiado libre para a sociedade do seu tempo”. 

Carreira sólida

Xa en Madrid ten unha carreira sólida, sinala Vidal, foi a primeira artista que expuxo nas salas de Revista de Occidente, grazas a Ortega y Gasset, que era un grande admirador seu. Logo, en París, convertiuse ao surrealismo e tivo relación con grandes artistas da época, como Max Ernst, Magritte ou Miró. Alí André Bretón mercoulle ‘Espantapájaros’, unha das grandes obras do surrealismo. 

Mallo era unha muller “demasiado libre mesmo para os homes progresistas e de esquerda do seu tempo”. 

A xornalista quere reivindicala tamén como unha muller “moi comprometida”, pois hai certa idea de era moi frívola. Ela comprometeuse coas misións pedagóxicas e tamén coa resistencia. Mesmo escribiu un artigo en La Vanguardia desde o exilio “relatando a represión en Galiza, dando nomes como Xohán Carballeira ou Alexandre Bóveda”. 

Exilio, esquecemento e reconstrución

A ela o golpe colleuna en Galiza e puido fuxir vía Portugal, onde foi axudada por Gabriela Mistral (embaixadora de Chile en Lisboa) e puido chegar a Arxentina en 1937, onde se instalou até a chegada de Perón. Logo viviu en Nova York e en 1965 recalou de novo en Madrid, onde residiu até a súa morte en 1994. 

Ao seu regreso “xa ninguén se acordaba dela”, afirma Vidal. “Era pequeneira e aparece como disfrazada, pintada en exceso, e todas as entrevistas que se conservan dan a idea dunha muller extravagante, que contaba historias que case ninguén cría”. Ela ten que facer un exercicio de recuperar ese pasado, dado que “había moita xente que mesmo dicía que era falso”. A movida madrileña dos 80 “acóllea moi ben”. Outra resurrección. 

En Galiza

En Galiza o seu esquecemento foi aínda maior. A primeira expo despois da guerra ten lugar nos anos 70 na galería Citania, dirixida por María Antonia Pérez (hoxe presidente da asociación cultural O Galo), e incluía moitas das súas obras máis cotizadas, segundo lembra Vidal. “E non foi quen de atopar a ninguén que puidera falar dela, só falou un chisco Ramón Piñeiro. Pero, sobre todo, non se vendeu ningunha obra”. Así de descoñecida era. “Ninguén lle fixo caso e hoxe esa obra ten unha cotización millonaria”, espeta a xornalista. 

A xornalista quere reivindicala tamén como unha muller “moi comprometida”, pois hai certa idea de era moi frívola. Comprometeuse coas misións pedagóxicas e tamén coa resistencia.

Anos despois, en 1993, unha mostra monográfica de Mallo inaugura o CGAC, comisariada por Pilar Corredoira. E iso supuxo o comezo “dun proceso de desconxelación continuado”, segundo Vidal. Logo realizáronse moitos traballos sobre ela, unha gran biografía asinada por José Luis Ferris (‘Maruja Mallo, la gran transgresora del 27’, 2004), un documental realizado por Antón Reixa e mesmo unha novela. 

O 2017, Ano Maruja Mallo

Carme Vidal considera que Mallo “continúa a ser unha muller bastante descoñecida”. Do ano vindeiro, cando será homenaxeada pola Academia Galega de Belas Artes, Vidal agarda “unha exposición potente, pero é bastante custoso, porque ten a obra bastante dispersa, en Bos Aires, no Reina Sofía, na obra social Abanca…”

A mostra do CGAC en 1994 supuxo o comezo "dun proceso de desconxelación continuado"

“Creo que merece un espazo de referencia na historia da arte galega e hai que darlle máis difusión”, considera a investigadora, que a reivindica como pintora galega, “por ter nacido en Viveiro, foi bolseira nos seus inicios da Deputación de Lugo e ten un cadro precioso: unha guía postal de lugo, un collage con porcos, o San Froilán convertido nunha muller…”

“Á marxe da súa obra, que me parece soberbia, é un personaxe tremendamente atractivo. Pode dar moito xogo se se quere, hai moitos formatos para difundir a súa obra. Tamén se pode aproveitar para reivindicar a través dela o papel das mulleres na arte, que segue a ser un ámbito completamente masculinizado”, conclúe. 

“Maruxa Mallo era demasiado libre para a sociedade do seu tempo”
comentarios