A retirada do xornalista Martxelo Otamendi protagoniza o 'Sermos Galiza'

O novo número do semanario protagonízao o xornalista e director do diario vasco 'Berria', que se xubilará a vindeira semana após 20 anos á fronte do xornal e unha ampla e exemplar traxectoria na profesión. Neste 'Sermos' rememoramos tamén a proclamación da República Galega en 1931 e a obra do arquitecto José Ángel Carreira Montes, así como as últimas novidades na música, o cinema ou o sector literario.
Detalles do 'Sermos Galiza' deste sábado.
photo_camera Detalles do 'Sermos Galiza' deste sábado.

Como cada sábado, Nós Diario trae entre as súas páxinas un novo número do semanario Sermos Galiza, á venda durante toda a fin de semana. O director do único diario en papel euskaldún Berria, Martxelo Otamendi, protagoniza a publicación a conta da súa xubilación após unha extensa e frutífera traxectoria defendendo un xornalismo libre e comprometido. Entrevístao María Obelleiro após compartir mesa redonda con el e mais co director do catalán VilaWeb, Vicent Partal. Otamendi despídese da profesión este 30 de xuño e, tras 20 anos como director, dálle ao relevo a Amagoia Mujika á fronte de Berria.

"O xornal xa era moi belixerante coas torturas e cos abusos policiais e, por tanto, eu tiña que ser consecuente. Contei as torturas a propia terza feira, cando saín do cárcere, ás 21.15 horas, porque a prensa, que sabía que a miña familia pagara a fianza, estaba alí. Entrei en directo na EITB, que enviara unha unidade, e contei no informativo máis visto do día o que nos fixeran. Aínda estaba sen ducharme, sucio e cheirento. A xente non me obrigou a contalo, obrigueime eu. Cando estaba sufrindo, cando estaba a ser torturado, pensei que tiña que contalo", relata, sobre un dos episodios máis cruentos e escuros que padeceu.

República galega: a historia por facer

A reportaxe coa que abre este novo Sermos asínaa Cilia Torna e rememora a proclamación da República Galega o 25 de xuño de 1931. Perto da 1 da madrugada, unha gran manifestación conformada por miles de persoas, maiormente operarios das obras dos camiños de ferro chegados de todas as comarcas ourensás, así como do Deza, partiu de diante do edificio do Goberno Civil e desprazouse á casa consistorial, onde penetraron un grupo de persoas que retiraron a bandeira española, izaron a galega e deron por declarada a República, que foi saudada efusivamente pola multitude congregada fóra.

O 26 de xuño de 1931, o escritor Ernest Hemingway escribíalle desde Madrid ao seu amigo e escritor John dos Passos, que "os galegos van proclamar a República Socialista de Galiza". Ese mesmo día, o diario estadounidense Pittsburgh Post-Gazette recollía que "varios manifestantes obrigaron a un telegrafista a transmitirlle ao Goberno de Madrid unha mensaxe que di 'Galiza é agora unha república independente do resto de España'".

Carreira Montes: Atlántico

Moderno e innovador e, ao mesmo tempo, con raíces locais son ideas cada vez máis valoradas. José Ángel Carreira Montes reivindica un xeito de facer moderno ao tempo que atlántico, baseado no seu clima, materiais e paisaxe. Para este arquitecto, o territorio inflúe no pensamento e na expresión. A súa obra analízaa na segunda reportaxe do semanario Iago Valverde.

Ao pouco de obter o título, Carreira preséntase a un concurso coa fortuna de gañalo. Tratábase da reforma do campo da festa da parroquia de Peitieiros, en Gondomar. O proxecto consistiu na construción dun palco para a festa, uns vestiarios e organizar o espazo. A intención do arquitecto, xunto co colaborador no proxecto, Perfecto Cendón, era máis que facer uns edificios, era axudar a crear unha comunidade e mellorar o lugar.

Literatura, música, cinema... E máis!

Neste número do Sermos Galiza, Tensi Xesteira e Manuel López Foxo analizan na sección de Libros as últimas novidades do ámbito editorial, a comezar por A gran novela galega (Morgante, 2023), de César Cequeliños, e unha retrospectiva do libro O que é amar um país (Quetzal Editores, 2020), de José Tolentino Mendoça.

No apartado musical, Lois Agrelo analiza a obra de Javier Álvarez a través do seu disco Fluzo-Fluzo (Autoproducido, 2010), ao tempo que o equipo de Sermos achega tamén as últimas novidades no panorama musical da Galiza. Pola súa parte, Xurxo Souto asina un artigo titulado 'Cando Manuel María inventou a música galega'.

E o experto en cinema Andrés Castro debulla o filme O mestre xardineiro, dirixido e guionizado por Paul Schrader (EUA, 2022), así como outras recentes estreas na gran pantalla.

Aliás, Ramsés Pérez achéganos á 'montaña de aves' de Manzaneda na sección Ir ás aves, mentres Carlos L. Bernárdez, no apartado de Arte, analiza a mostra Detrás do Sol: Granell en Porto Rico, comisariada por José Correa Vigier e presente na Fundación Granell de Santiago. E o artigo que presenta este novo número do semanario asínao a artesá zoqueira Elena Ferro e leva por título 'Primeiro amor'.

Por último, e como vén sendo habitual, as dúas páxinas de pasatempos corren a conta de Xerardo R. Roca e Xoán Costa.

*Lembra que podes atopar o Sermos Galiza acompañando o xornal Nós Diario. 64 páxinas por só 3,20 euros!

Comentarios