CRíTICA DE CINEMA DAS SEXTAS FEIRAS

'Marte'

A última de Ridley Scott. 

Marte2

MARTE (THE MARTIAN)
(Estados Unidos 2015, 144 min.)
Dirección: Ridley Scott
Guión: Drew Goddard
Fotografía: Dariusz Wolski
Música: Herry Gregson-Williams
Elenco: Matt Damon, Jessica Chastain, Kristen Wiig, Chiwetel Ejiofor, Sean Bean, Benedict Wong, Jeff Daniels, Michael Peña, Kate Mara, Sebastian Stan, Aksel Hennie, Donald Glover, Mackenzie Davis, Brian Caspe, Mark O’Neal

SINOPSE
Durante unha misión tripulada a Marte, o astronauta Mark Watney (Matt Damon) é dado por morto despois dunha brutal tormenta. Mais Watney non morreu e agora está atrapado nun planeta hostil no que terá que sobrevivir até que a NASA atope unha solución para retornalo a casa.

CRÍTICA 
Ridley Scott levaba unha mala racha desde aquel Robin Hood en plan “realista” con Russell Crowe, que ninguén entendeu, seguido por a moi mellorable precuela de Alien titulada Prometheus, que decepcionou a propios e estraños. Despois a cousa foise precipitando en picado con O Conselleiro (a pesares de contar con Michael Fassbender, Brad Pitt, Javier Bardem e Penélope Cruz) e rematou a faena coa pésima Exodus: deuses e reis. Estaba moi claro que Scott precisaba unha historia que lle retornara ao lugar do Olimpo cinéfilo que se merece o director de Blade Runner e Alien.

Mentres andaba a traballar na segunda parte de Prometheus, caeulle nas mans a posibilidade de dirixir a adaptación de The Martian, o best-seller de Andy Weir, tras caer do proxecto, por problemas de axenda, o guionista Drew Goddard que era a primeira opción para dirixir a fita. Tampouco era a primeira vez que se levaba á gran pantalla unha historia ambientada no planeta vermello. 

Ao contrario que con Exodus, trata de prescindir o máximo posíbel das pantallas verdes de CGI e centrarse nas personaxes

Hai unha recua delas dirixidas por directores de renome, con desigual sorte: Desafío Total (de Paul Verhoeven), Misión a Marte (de Brian de Palma) ou Fantasmas de Marte (de John Carpenter). Pero a historia dun astronauta que queda atrapado en Marte e ten que sobrevivir como pode até que o rescaten ou consiga os seus propios medios parecía unha lambetada caída do ceo para dar, por fin, carpetazo a todas esas voces críticas que o daban xa por perdido. 

Desta volta, ao contrario que con Exodus, trata de prescindir o máximo posíbel das pantallas verdes de CGI e centrarse nas personaxes. Por suposto rodéase tamén do mellor equipo técnico e humano: o director de fotografía polaco Dariusz Wolski (Dark City), o ecléctico compositor británico Harry Gregson-Williams (Shrek), a deseñadora de vestiario Janty Yates (gañadora dun Óscar por Gladiator) e retoma colaboración co supervisor de efectos especiais Richard Stammers, que xa lle reportara unha nomeación aos Óscars con Prometheus. Se engadimos un elenco de luxo con Matt Damon á cabeza acompañado -de maneira figurada, claro- por Chiwetel Ejiofor (12 anos de escravitude), Jeff Daniels (Débeda de sangue), Sean Bean (O señor dos aneis) ou, a moi de moda, Jessica Chastain (O ano máis violento), entre outros... a cousa vai tomando cariz de película “oscarizable”. Se por riba é máis que evidente o gusto da Academia de Hollywood polas historias de superación e das pelis do espazo, pois case de seguro que vai acumular unha manchea de candidaturas na vindeira edición. 

MarteCase é un feito que vai caer a de Mellor Actor para Matt Damon, por esta interpretación a medio camiño entre o Tom Hanks de Náufrago e a Sandra Bullock de Gravity. Non é a mellor actuación da súa carreira pero é desas que seducen aos membros da Academia. Tampouco estamos ante a mellor película de Ridley Scott, pero si ante un brillante entretemento de calidade con toda a congruencia científica de Interstellar pero moito menos solemne e metafísica que o filme de Nolan. 

Como naquela, os datos científicos, maquinaria e situacións están máis que contrastados con expertos de diferentes especialidades. Todos/as acreditaron que as andanzas deste Robinson Crusoe marciano, salvo algunha licenza de guión, poderían ser perfectamente plausibles na teoría. A historia tamén é bastante fiel a novela de Weir. Unha historia inxenua de enaltecemento dos valores humanos apta para todos os públicos. Nin decepciona un ápice aos amantes da ficción científica, nin tampouco aos que buscan unha historia lineal e palomiteira con mensaxe positivista. Pero, por riba de todo, Marte (The Martian) é unha máis que notable recuperación de Ridley Scott respecto dos últimos anos, e iso fai albiscar unha prometedora segunda parte de Prometheus á altura do que todo/as sabemos do que é capaz. E máis se sabemos que xa ten un título definitivo: Alien, Paradise Lost. Mais esa é outra historia...

Comentarios