O Marisquiño suma máis escenarios en 2022 e traslada o skate á praia de Samil

A redistribución dos escenarios de O Marisquiño débese principalmente á necesidade de espazo para ampliar o número de asistentes, pero tamén á intención de conectar cun público interesado no skate como novo deporte olímpico.
Unha imaxe da edición do Marisquiño de 2019.
photo_camera Unha imaxe da edición do Marisquiño de 2019.

As probas de skate do festival O Marisquiño realizaranse este ano na praia de Samil (Vigo), sumando por tanto este espazo ao xa tradicional do porto. O director de O Marisquiño, Joako Ezpeleta, e o organizador do Festival, Pity Domínguez, anunciaron este sábado a ampliación dos escenarios do marisquiño, nun acto no que tamén estivo presente o alcalde da cidade, Abel Caballero.

O evento, que se celebra a segunda semana de agosto, retómase despois dos dous últimos anos de parón pola pandemia provocada polo coronavirus, polo que a última edición que celebrou foi en 2019, un ano despois do accidente que se produciu durante un dos concertos na zona portuaria.

Precisamente, o pasado més de marzo, o Tribunal Superior de Xustiza da Galiza (TSXG) emitiu dúas sentenzas nas que considera que o mantemento do paseo das Avenidas de Vigo, parte do cal afundiu durante un concerto do festival de 2018, era "responsabilidade municipal".

 

No acto deste sábado, os organizadores explicaron que as actividades de skate levarán a cabo no aparcadoiro do centro da praia de Samil, polo que as vistas serán o mar e as Illas Cíes. Esta redistribución dos escenarios de O Marisquiño débese principalmente á necesidade de espazo para ampliar o número de asistentes, pero tamén á intención de conectar cun público interesado no skate como novo deporte olímpico.

Por outra banda, os organizadores de O Marisquiño sinalaron a importancia desta distribución de espazos co obxectivo de que haxa unha deslocalización, creando un retorno económico nas empresas da zona. A finalidade é cambiar a visión global de Vigo como cidade industrial para pasar a situarse nas axendas turísticas a nivel nacional e internacional.

Plan de transporte e mobilidade

Esta nova planificación do festival virá acompañada dun Plan de Transporte e Mobilidade específico por parte do Concello de Vigo en colaboración con Avanza, Vitrasa, Renfe e Mar de Ons para a coordinación mutua á hora de que os asistentes ao festival se poidan desprazar dunha maneira sostible.

Por último, confirmaron a súa intención de ampliar os horarios, establecendo o festival de xoves a domingo para poder dedicar o xoves ás familias. Anunciaron a celebración de talleres para nenos, e que os propios circuítos estarán a disposición dos mozos de 8 a 14 anos para o seu uso até as 20,00 horas da tarde do xoves.

Os organizadores desta cita declararon que esta expansión de O Marisquiño ten as miras postas en 2025, ano no que o evento cumpre o seu 25º aniversario. Buscan "ser os mellores" e que o festival estea consolidado para ese ano como "o primeiro a nivel mundial", apuntaron.

Comentarios