luns 26/10/20

Mario Regueira: “Galaxia influíu desde o literario e o político”

“Son tempos difíciles para o pensamento crítico complexo”. E, a pesar diso, o escritor, investigador e crítico literario Mario Regueira, colaborador deste xornal, considera que non debemos abandonar o ensaio de fondo. Este autor vén de publicar en Xerais Narrativa e imaxinario nacional na reconstrución do campo literario de posguerra (1936-1966). Nel analiza o papel que xogou a editorial Galaxia no proceso de reconstitución da literatura galega e como se formaron as distintas ideas de país. Unha proposta con novas ópticas de análise.
Mario Regueira (Nela Fraga)
Mario Regueira (Nela Fraga)

O libro Narrativa e imaxinario nacional na reconstrución do campo literario de posguerra (1936-1966) parte da túa tese de doutoramento. Como foi o proceso de adaptación ao libro?

Os ritmos editoriais son pausados, así que houbo que facer unha pequena actualización bibliográfica con algunhas achegas que apareceron nestes catro anos. Tamén retiramos algúns capítulos de carácter máis técnico ou que apelaban á metodoloxía para que a obra se centrase na perspectiva histórica dun período concreto, que era editorialmente máis aconsellábel. En liñas xerais creo que foi unha adaptación moi acaída para un público máis amplo que o que tiña o proxecto orixinal.

Por que decidiches publicar o libro agora? Cres que a situación do libro galego actual permite estas reflexións?

A tese espertou o interese de varias editoriais e sempre é un engadido poder publicala, aínda que sexa neste formato. Finalmente saíu con Xerais por ser a miña primeira casa e unha das primeiras en comprometerse coa proposta. É certo que o ensaio, e especialmente o ensaio académico, está a levar a peor parte da crise do libro na Galiza, aínda así creo que é un eido necesario polo que hai que seguir apostando, tanto nos estudos galegos como nas temáticas xerais. Son malos tempos para a reflexión no campo editorial, pero se abandonamos ese eido, acabaremos lamentándoo.

Se estivésemos tan perto da normalidade non teriamos que estar celebrándoa

Recolles no libro as primeiras experiencias editoriais galegas, mais o núcleo central é Galaxia, arredor da que estudas a construción do campo literario galego e as propostas autoriais que deron pé a consolidar a narrativa do país. De onde partes para apuntar esta idea e como se foi xestando?

O núcleo non podía ser outro que Galaxia, pois a súa influencia no devir do país sobordou o editorial e o literario e incluía tamén un proxecto político que, en certo sentido, trataba de continuar, aínda que moi alterado, o do Partido Galeguista. Sempre digo que o meu interese partiu dunha profunda fascinación pola literatura de posguerra (Méndez Ferrín, Queizán, Casal, Mourullo...) case desde a adolescencia. A pescuda paulatina do seu contexto foi camiñando parella á miña formación académica e conclúe con esta perspectiva diferente ás inercias dalgunhas explicacións que atopei sobre este momento histórico.

Que autores foron claves na renovación da narrativa galega neses anos? Foi a Nova Narrativa tan modernizadora como se nos conta?

Case toda a literatura escrita en galego desa época é innovadora respecto da súa propia tradición, pero tamén é certo que se desenvolve nun contexto, tras a represión franquista, que é case un páramo cultural e que ten á Xeración Nós como última referencia. A “modernidade” da Nova Narrativa, como a de Blanco Amor ou Seoane desde o exilio, trámase en que parte de presupostos ideolóxicos menos asimilábeis polo proxecto de Piñeiro. Son propostas que abordan o diálogo internacional e a actualización do discurso literario, en lugar de fecharse nas esencias inmateriais do pobo, que é o que defende a liña principal de Galaxia. Alí onde Galaxia ten unha especie de “proxecto étnico” para a literatura galega, especialmente forte na década dos 50, as voces disidentes loitan pola súa autonomía literaria, a liberdade para escribir máis alá dos límites impostos pola particular ideoloxía da editora.

Tamén falas do papel que xogou o exilio galego. Que achegaron os autores desde as terras de América?

Literariamente son outro modelo, tamén porque o seu contexto sociolóxico é diferente. Non son universitarios novos en contacto coas correntes europeas, senón exiliados ou emigrantes cunha vivencia directa doutro campo literario (o de acollida) que se move en coordenadas distintas e non depende dun mercado editorial dominado por Galaxia. Moitas das correntes desbotadas tanto polo círculo de Piñeiro como pola Nova Narrativa chegan á literatura galega da súa man. Chegaría con mencionar A esmorga, que inicialmente é lida no interior como literatura tremendista e recibida con moito escepticismo.

O libro ten moitas facetas, e non podiamos deixar de lado a análise que fas da falla de perspectiva de xénero naqueles primeiros anos de Galaxia. Como se foron incorporando as mulleres tanto ao catálogo como á dirección da editora?

É irónico ver como a secundarización das mulleres no campo literario de posguerra vai parello á reivindicación da figura de Rosalía e á necesidade de que sexan elas as que se encarguen de determinados eidos como a lírica ou a literatura infantil e xuvenil. A súa incorporación está mediada por esta perspectiva que as asocia a unha serie de valores “femininos”, pero tamén ás súas relacións persoais cos actores varóns. É certo que existe unha “boa vontade” paternalista de Galaxia neste sentido, que porén choca coa perspectiva refractaria cara ao feminismo como ideoloxía cando este aparece en escena. Falo da Galaxia da posguerra, aínda que é un tema que pode seguirse até a actualidade e daría para un estudo interesante.

Amais de escritor e poeta, exerces un importante labor como crítico literario. Como foi evolucionando esta profesión e cal é a situación hoxe en día?

A primeira cuestión sería en cantos casos pode considerarse unha “profesión”, pois é algo que segue a facerse principalmente desde o amateurismo, unha arma de dobre fío: non hai dependencias económicas pero tampouco hai, moitas veces, unha bagaxe para elaborar unha crítica competente. Conectándoo coa crise do ensaio que falamos antes, creo que son tempos difíciles para o pensamento crítico complexo. Vivimos nunha época na que a comunicación tende a basearse en proclamas e posicionamentos globais e cada vez custa máis facer entender os matices, as contradicións e os posicionamentos que foxen da simplificación. A crítica corre o risco (sempre viviu nel na Galiza) de converterse nunha simple ferramenta de marketing ou nunha forma de pagar favores persoais. A súa práctica, dentro destas dinámicas, é bastante complexa e moitas veces desalentadora.

Após ter estudado unha etapa tan importante da nosa historia, e desde o teu labor filolóxica, cal é o estado da literatura galega actual? 

As cousas vense mellor en perspectiva, é por iso que historiar o presente sempre é un reto, especialmente cando formas parte tamén como actor literario dentro del. En liñas moi xerais podería dicir que a literatura galega non pode esquecer a súa situación subalterna e como parte dunha realidade nacional sometida. É un punto de vista que sempre está de fondo na nosa realidade e que choca moitas veces cos relatos da normalización que son, en si mesmos, un paradoxo. Se realmente estivésemos tan perto da normalidade non teríamos que estar celebrándoa constantemente. Dentro disto, teño moi poucos prexuízos: paréceme ben que a literatura diversifique as súas realidades, que aparezan xéneros, subxéneros e éxitos editoriais. Non me entusiasma tanto que o horizonte pareza ser unha forma distorsionada e inxenua doutros campos literarios completamente diferentes ao noso.

Na actualidade estás investigando sobre outra temática da literatura galega da que nos poidas avanzar algo?

Son unha persoa con moita curiosidade e intereses. A escolla deste camiño académico foi gozosa e dolorosa a un tempo: estudaba algo que me apaixonaba, pero tamén tiven que abandonar moitos dos meus outros vectores de interese nos estudos literarios. A ciberliteratura, o hipertexto, as hibridacións, os videoxogos, ou eidos como o queer ou a resistencia política contemporánea formaron parte sempre das miñas paixóns, e pode ser un bo momento para volver a elas, aínda que é certo que non se traballa igual por libre que coa obriga de cumprir un deber académico. Tamén estou colaborando nun proxecto historiográfico colectivo no que falarei da narrativa despois da Transición, unha mudanza de escenario que me parece especialmente estimulante e que tamén acaba por resultar necesaria tras unha investigación tan longa.

comentarios