Carlos Pereiro dirixe a revista de videoxogos 'Morcego'

“Mario Bros é tan coñecido como Harry Potter”

O cinema tamén foi, antes de ser considerado o que o tópico chama “sétima arte”, atracción de feira. Desprezado e restrinxido a demostracións lúdicas, tardou en acadar o seu estadio crítico actual. Segundo o xornalista Carlos Pereiro, existe máis dun paralelismo co mundo dos videoxogos. Para defender a súa tese, entre outros propósitos, acaba de botar á Rede a Revista Morcego.
 

revista morcego
photo_camera revista morcego

“Como adoita suceder con estas cousas, a idea xurdiu de pensar en facer o que me apetece: unha páxina de videoxogos”, relata as orixes da iniciativa. Antes de Morcego, só un blog se ocupou do asunto en lingua galega: Memoria Pixelada, clausurado en 2015. Tamén algunhas seccións en publicacións dixitais de contidos máis amplos, como Codigo Cero ou Mola.gal. “Pero nós somos a primeira revista. A xente queixábase de que non había nada e eu son dos que, no canto de me queixar, prefiro facer”, conta Pereiro.

Así, entre maio e setembro deste ano deseñaron o sitio web. Que procura “cubrir unha necesidade que existía en galego”. É o propio xornalista quen se encarga de escribir boa parte das pezas -Brais Capelán é colaborador habitual-, organizadas en reportaxes, entrevistas ou  artigos de opinión. Mais a singular Zona Retro, en que rescatan xogos históricos -dentro da relativamente pequena historia dos videoxogos- como o Metal Gear Solid ou, por caso, os efectos sonoros de obras senlleiras como o Super Mario Bros.

“A nostalxia é algo moi bonito”, afirma, “é darlle unha mirada actual a cousas pasadas. Resulta curioso, porque lembras case todos os videoxogos con mellor gráfica que cando os ves agora”. Morcego pretende, ademais, ofrecer un espazo á “xente do país” involucrada no sector, de deseñadores e programadores a grupos de gaming, equipos de xogadoras que por veces se arriman ao profesionalismo. E todo cunha perspectiva de normalización cultural do fenómeno.

“Hai que ir borrando esa idea do xogador como friqui. Lévoa escoitando desde que eu tiña 8 anos, pero logo ves xente con 40 que segue practicando”, explica, “e estamos diante dunha industria que neste país move máis cartos que o cinema”. E porque, a maiores, o xogador, ou xogadora, de videoxogos non é unicamente un rapaz, ou rapaza, que pasa horas na casa perante unha pantalla. Os teléfonos móbiles, por caso, son escenario de moitas innovacións tecnolóxicas e mesmo “artísticas” do xénero.

Os videoxogos, defende Carlos Pereiro, son “un elemento máis da cultura, unha obra de arte, como unha novela ou un filme”. Prodúceos a industria cultural e ao cabo, engade, “Mario Bros é tan coñecido como Harry Potter”. “Os mellores videoxogos traspasan a fronteira do entretemento. Metal Gear Solid, por exemplo, fai pensar sobre a guerra e as súas desfeitas ou sobre a posibilidade dunha guerra nuclear”, finaliza o impulsor da Revista Morcego.

A Mesa pola Normalización Lingüística colabora coa publicación.

Nota: imaxe da Revista Morcego de videoxogos.

Comentarios