Mariña Arbor: "Compostela era o centro nunha Gallaecia con poder para levantar un Pórtico da Gloria"

A editorial Canela vén de publicar O eco das estrelas. Música medieval no camiño de Santiago, unha obra que fai un repaso por todo ese universo musical. Conta coa participación de Francisco Singul, Francisco Luengo e Mariña Arbor, autora do capítulo sobre poesía e música na Idade Media, coa que conversa Nós Diario.

Mariña Arbor (5)
photo_camera 'O cancioneiro de don Afonso Sánchez. Edición e estudo' é unha das publicacións de Mariña Arbor. (Foto: Nós Diario)

Como nace este libro?

O proxecto xestárono Pablo Quintana, o editor do libro, e o fotógrafo Xosé Manuel Salgado. Eu recibín unha mensaxe para facer un texto sobre as cantigas medievais galego portuguesas e a súa música. A partir de aí, elaborei un guión sobre aspectos que sería necesario abordar nese capítulo. Así, aínda que eu traballo cantigas profanas, non me parecía oportuno deixar de lado o gran repertorio musical da Idade Media a nivel de poesía lírica, que son as cantigas de Santa María. Fomos aquilatando ese borrador previo, engadindo algunhas cuestións, como un apartado dedicado á iconografía, e unha selección de fotografías dos manuscritos que permitisen ilustrar todo o que se recollía no capítulo.

A obra acabou sendo moi robusta, traballada por persoas que viñamos de mundos diferentes e de perspectivas de investigación distintas para construír unha peza que, en principio, parecía ter un matiz máis divulgativo. Finalmente acabou achegándose á alta divulgación, no que atopamos investigación propia e unha posta a punto de todos os coñecementos que existen sobre os campos que se tratan nela.

Cada unha desas perspectivas dá lugar a un capítulo propio.

Si. Por exemplo, está a perspectiva de Francisco Singul como experto que é en arte e historia, no mundo do camiño e das peregrinacións, que sitúa e fai ese marco conceptual. Aparece todo o que era a poesía lírica escrita en galego coa súa melodía, as cantigas profanas, como se poderían interpretar, se levaban acompañamento musical e con que instrumentos... Logo tamén está a visión do músico, pero tamén do construtor de instrumentos, que sabe como responden e como se elaboraron, como se reconstruíron para que hoxe se poidan escoitar. Existen esas perspectivas do historiador, da filóloga e do músico e intérprete que se complementan moi ben, ao que hai que sumar as grandes imaxes de Xosé Manuel, moitas delas inéditas.

Que obxectivos persegue? 

No meu caso, unha posta ao día de todo o que se foi escribindo e publicando nos últimos anos sobre a lírica medieval galega. O meu punto de partida foi estudar onde naceu a lírica galega, como se desenvolveu, con que xéneros conta, en que coordenadas económicas, sociais e políticas se desenvolveu, como é o texto e que temas recolle, etc. Dar unha visión panorámica sobre un tema que é moi amplo e complexo.

Logo, a nivel máis xeral, a obra pretende dar a coñecer o marco no que se move o camiño de Santiago, como se desenvolve e desde un punto de vista no que Compostela é un centro cultural de primeira orde. Todo iso no seo dunha Gallaecia que ten o poder suficiente para levantar o Pórtico da Gloria, esculpir eses instrumentos que aparecen nel e que permite dar a luz a toda unha poesía en galego.

Cal son as achegas que fai este traballo?

Podo falar desde o punto de vista da filóloga e da impresión que teño desde que fixen esa posta a punto sobre a música. Había estudos previos e unha bibliografía moi ampla, pero, por exemplo, Francisco Luengo reinterpreta bastantes datos a partir das imaxes e pon sobre a mesa novas hipóteses de traballo, o que supón unha contribución notábel. Poderíase definir ese capítulo como unha enciclopedia dos instrumentos presentes no Pórtico da Gloria e doutros centros eclesiásticos ou pazos. No que se refire á miña escrita, é unha suma que non existía sobre o que os musicólogos foron achegando, e faise un repaso por todas as cuestións que teñen que ver coa música profana e mariana, con descricións globais dos manuscritos. Atreveríame a dicir que, en xeral, é un libro de referencia no que se conxugan todos estes aspectos e que, nunha lectura única, un pode ter unha visión global dos temas que trata.

Comentarios