Marián Fernández: "As mulleres, na arte urbana da Galiza, están gañando terreo mais seguen discriminadas"

A estrea da serie documental Museo a ceo aberto tróuxonos un percorrido en sete capítulos pola situación galega da arte urbana actual. Pódese ver na rede a través do Portal da Lingua Galega e desde a cooperativa O Cable Inglés, responsábeis do proxecto, traballan para ampliala nun futuro. Nós Diario conversa coa súa guionista e directora, Marián Fernández.  

A responsábel da serie que realizou a cooperativa galega O Cable Inglés, Marián Fernández (Foto: O Cable Inglés)
photo_camera A responsábel da serie que realizou a cooperativa galega O Cable Inglés, Marián Fernández (Foto: O Cable Inglés)

Como nace a serie?

Os últimos anos a explosión de muralismo é moi grande. Vimos que había unha especie de boom  a nivel de toda a Galiza, en cidades e en vilas máis pequenas, como pode ser o caso de Cambre ou de Carballo. Tras esta eclosión había elementos que nos pareceu interesante analizar.

A serie, en sete capítulos, vaise centrando nun evento de arte urbana mais, ao mesmo tempo, conversando con artistas, comisariado e mesmo con responsábeis dos departamentos políticos que promoven estes acontecementos. Contrastamos as visións de cada parte ao redor de cuestións como, por exemplo, a contextualidade das obras ou se respiran algo da contorna. Tamén se hai transformación social e de verdade están contribuíndo, como se pretende moitas veces, a rexenerar as zonas urbanas. 

Que singularidade descubriron na arte urbana galega?

Descubrimos que había distintas motivacións por parte de cada vila. É moi curioso que dependendo do obxectivo, o evento estea organizado desde a Concellaría de Patrimonio, como o caso de Vigo, desde a Concellaría de Xuventude, no caso de Cambre, ou desde a Concellaría de Turismo, como en Carballo. Isto xa é sintomático do que se persegue co evento.

O resultado tamén é evidente. No caso de Carballo conseguiron que fose, a día de hoxe, o recurso turístico máis solicitado na vila, cuns paseos guiados polas obras. No caso de Cambre pretendían paliar un pouco o impacto que eles consideraban negativo dos graffiti vandal e os takeos da rapazada. No caso de Vigo está claro que procuraban facerse cun patrimonio de obras que, como di a serie, rematan por ser un "gran museo ao aire libre".

O caso de Vigo é particular. Esta cidade ten un patrimonio de arte urbana moi rica, anterior a esta explosión de muralismo, que tamén se trata non só nesta cidade senón noutros capítulos, de como dar valor ao graffiti. Non é unha actividade tan comprendida nin tan ben recibida entre a sociedade, mais é toda unha linguaxe e unha expresión artística. En Vigo temos, desde os 80, grandes firmas como El Muelle ou Okuda. Reflexionamos até que punto se deberían protexer e coidar esas intervencións ou resignarse ao que implica a arte na rúa, que ten sempre un carácter efémero por estar exposta ás inclemencias e ás intervencións que veñan actuar por riba. 

Hai códigos que están aceptados nas persoas que traballan na rúa, mais cando entran as Administracións hai un choque evidente. 

(A muller) aparece menos no cartel dos eventos e está convidada a intervir en murais máis pequenos

Hai unha participación real da muller na arte urbana? 

A presenza da muller na arte urbana está gañando terreo mais aínda non ten a relevancia que debería. Non alcanza nin de lonxe a igualdade. Aparece menos no cartel dos eventos e está convidada a intervir en murais máis pequenos  que os homes ou de facelo en colectivo. Unhas formas que significan, claramente, unha discriminación, máis velada, mais que está aí. O capítulo que mellor reflicte este panorama actual é o Delas Fest, un festival feminista contextual da comarca de Compostela.

O seu comisariado, realizado por 7HCoop, viu que era necesario reivindicar o papel da muller na arte urbana, posto que apenas representaba un 19% nos eventos da actualidade e, como contrapunto,  as mulleres nas facultades de arte son unha gran maioría. 

É certo que a arte urbana ten unhas orixes máis underground e agora con todo este tema do muralismo ten moito máis de pintura clásica. Tamén que a maioría da xente que está facendo mural vén das facultades. Temos ese paradoxo de que academicamente as mulleres son unha maioría mais logo na rúa non. O feito de pintar na rúa leva parellos temas de seguridade e de riscos que hai que asumir, sobre todo cando falamos de pintura ilegal ou alegal que se tratan en varios capítulos da serie.

Comentarios