CONTRACULTURA

María Rivas: "Hai que pensar nunha transición enerxética que non maltrate a calidade de vida da xente"

María Rivas é unha das organizadoras do Encontro Burla Verde en Sabucedo.
María Rivas é unha das organizadoras do Encontro Burla Verde. (Foto: Nós Diario)
photo_camera María Rivas é unha das organizadoras do Encontro Burla Verde. (Foto: Nós Diario)

María Rivas é unha das organizadoras do Encontro Burla Verde que terá lugar ao longo do día de hoxe en Sabucedo (A Estrada). Ideado como un espazo reivindicativo e festivo pola defensa do territorio, contará con actividades diversas como foliadas, sesión vermú ou unha mesa redonda. 

Cales son os obxectivos do Encontro Burla Verde?

Tiñamos a necesidade de encontrarnos con outros colectivos e asociacións do país que loitan contra as problemáticas da transición enerxética. Nun inicio, pensabamos este encontro como unha cousa máis pequena e local, mais esta necesidade fixo que decidiramos amplialo. É un encontro pola defensa da terra que ten a súa orixe na ameaza constante que recibimos na comarca da Terra de Montes polos proxectos de macroeólicos, mais tamén pola minaría dos arredores. Tamén queríamos crear un espazo para compartir recursos, pórnos caras, saber que é o pobo galego o que está en pé e que non son grupos de aldeas dispersas. 

Este é un momento no que vai ser fundamental que se nos escoite, a xente que vivimos nas aldeas mais tamén o pobo, porque comezan a cumprirse unha serie de prazos. É o momento de pensar nunha transición enerxética que non maltrate a calidade e o medio de vida da xente que vivimos nas aldeas. O título debémosllo á xente de Monfero di Non, de Aldeas Libres de Eólicos, porque cando foi o aniversario do Burla Negra sacaron unha campaña gráfica que se chamaba Burla Verde e que recollía todas as aldraxes que se nos están a facer en relación á transición enerxética. 

É unha xornada de concienciación, con mesa redonda incluída, mais na que non falta a música.

Queremos que o Burla Verde aglutine todas as forzas do país, non só as persoas que formamos parte da veciñanza, senón tamén todo o tecido asociativo e a xente da cultura. Para nós é claro que isto non só nos afecta ás aldeas: os ríos que nacen aquí van morrer á cidade. Entendemos que ten que ser un encontro e unha chamada para toda a xente que aínda non está convencida de que o que nos están facendo é unha aldraxe. 

Nós somos cinco colectivos locais que fomos movendo contactos e falando con artistas e recibimos chamadas de persoas de fóra da comarca ofrecéndose como voluntarias para participaren co seu traballo. Isto é importante para nós porque entendemos que sen a mobilización popular non se moven os marcos. 

No que respecta á mesa redonda, vai contar coas cinco problemáticas que entendemos que están en conflito agora mesmo: minaría, a cuestión forestal, eólica mariña, macroeólicos e auga. Para nós é moi importante que isto teña tamén un formato de coloquio, que estea representada a xente de todo o territorio para que non estea só o noso conflito, senón que sexa unha cuestión de país. Cantas máis asociacións e colectivos da Galiza estean representados, mellor. Todas as actividades que presentamos son gratuítas, a excepción do cabaret, que terá lugar no curro de Sabucedo. Con esta actividade é coa que financiamos os gastos do encontro e fixamos puntos de venda de entradas por distintos puntos do país, como Santiago, en Númax, ou en Pontevedra, na libraría Metáfora. 

Hai intencións de que este encontro se estenda no tempo?

Organizamos e participamos en diversas actividades a nivel local e noutros territorios do país ao longo do mes: encontros na parroquia, un recital de poesía promovido pola veciñanza de Toubes (Ourense) celebrado o día 1; o I Torneo de Balompé Burla Verde en Cerdedo (Terra de Montes) o 8; o Festival do Suído en Defensa da Terra o 15; unha subida á Conla, un cumio do monte que fai de linde entre Campo Lameiro, A Estrada e Cerdedo, o 22, e a cadea humana arredor da sede da Xunta da Galiza que promoveu a coordinadora Eólica Así Non o día 23. Facemos todo isto e participamos tamén nas iniciativas doutros colectivos porque é precisamente o que pretende tamén o Burla Verde: manter a autonomía de cada colectivo, mais sumando forzas e apoios. 

Posteriormente, a idea é lanzar unha serie de acampadas no monte, xornadas de convivencia con recursos básicos intentando causar o mínimo impacto.

Comentarios