Caderno de Verán

María Rúa (@rua_prado): "O que máis me gusta da música é bailala"

Falamos con esta youtubeira no caderno de verán, 'máis, de como afronta este verán
pradorua
photo_camera pradorua

Quen fan os youtubeiros e youtubeiras durante as vacacións de verán?

Eu adoito descansar e como persoa da clase obreira non teño plans moi ostentosos. Son nova entón intento facer plans coas miñas amizades cos aforros que teño, como visitar algún sitio, non moi lonxe, e desfrutar do verán dunha forma modesta. Eu prefiro ir a cámpings que a un hotel de luxo; non me gustan esas finuras, prefiro estar cómoda.

Entón conta con viaxar este verán, onde lle gustaría ir?

Agardo ir a Portugal, levamos todo o ano soñando con cruzar a fronteira e agora que se pode espero ir. Xa fun recentemente a Braga, pero gustaríame percorrer a costa portuguesa coas miñas amizades, ou en furgoneta ou con tendas de campaña. 

Vexo que ten moitos plans para o verán, cre que a Covid-19 truncará algún?

A situación debida á Covid-19 non está a cambiar os meus plans. O ano pasado si, o panorama era máis tenso, entón decidimos visitar lugares con pouca xente. Este verán, aínda que a situación estea mellor, intentaremos non ir a sitios demasiado turísticos.

Durante o seu tempo libre que lle gusta facer?

Pois creo contido para a miña canle de Youtube e sobre todo para Tik tok, que é onde estou máis activa ultimamente, con vídeos diarios. Son estudante e, agora que rematei as clases, resúltame máis doado publicar vídeos nas redes. Tamén fago deporte e levo unha rutina saudábel.

Hai para quen a época estival é sinónimo de música, podería recomendar algún grupo que lle guste?

Eu nunca fun unha persoa que saíse moito de noite, pero agora hai tanto tempo que non vou a unha festa que xa teño ganas. A min o que máis me gusta da música é poder bailala, por iso quero recomendar un par de grupos que me definen bastante ben: O primeiro é un de reguetón feminista, que se chama Tremenda jauría, un dos meus grupos favoritos polas letras e o ritmo. 

O segundo é Dubioza Kolektiv, un grupo moi bo de Bosnia. É curioso porque durante o confinamento chegoume un vídeo deles cantando "Licor do negro café", o tema do grupo musical Lamatumbá, e resultoume realmente divertido.

Comentarios