Contracultura

Compañía teatral Souvenir: "'Non é unha canción' xurdiu a partir de encontros de exercicios de creación e improvisacións"

María de las Llanderas (Nigrán, comarca de Vigo, 1990) e David Alonso (Nigrán, 1993) fundaron a súa propia compañía teatral, Souvenir, coa que veñen de estrear a obra 'Non é unha canción', premiada no V Festival Pezas dun Teatro do Porvir Galiza + Portugal.
Os fundadores de Souvenir, María de las Llanderas e David Alonso. (Foto: Souvenir)
photo_camera Os fundadores de Souvenir, María de las Llanderas e David Alonso. (Foto: Souvenir)

—Como se lanzaron a crear a súa propia compañía?
María de las Llanderas: Foi a partir dunha serie de coincidencias. Despois de graduarnos na Escola Superior de Arte Dramática (ESAD) estivemos vivindo fóra da Galiza e arredor de setembro de 2022 atopámonos os dous de volta en Vigo. David chamoume para ver se nos xuntabamos para adestrar xuntas, intercambiar exercicios de creación e improvisacións. Non tiñamos ningún tipo de expectativa. A partir destes encontros semanais xurdiu un material inicial que enviamos ao festival.

David Alonso: Eran textos creados a partir da investigación que María e mais eu estabamos a facer nese momento e a verdade é que resultou bastante interesante.

M.L.: O primeiro premio era a estrea no teatro Rosalía de Castro (A Coruña) e foi nese momento cando decidimos formar a compañía e solicitar unha axuda de nova creación á Axencia Galega das Industrias Culturais (AGADIC).

D.A.: Iamos estrear nun teatro ao que é difícil acceder como unha compañía nova, así que decidimos ir con todo. E o nome de Souvenir parte da nosa maneira de traballar. Temos o concepto de ‘facer un domingo’, un ensaio que implica saír fóra do local calquera día da semana e facer unha investigación do que nos atopamos pola rúa e que pasan desapercibidas. Quizais un son estraño, unha persoa que camiña dunha maneira diferente, un fragmento dunha conversa. A premisa fundamental é que debemos realizar unha actividade que non sexa produtiva e cun punto absurdo tamén, como subir nun ascensor dun centro comercial e estar media hora nel. Isto esperta a nosa percepción sobre as cousas que nos rodean e a estes cachiños que levabamos da rúa á sala de ensaios como materiais de creación decidimos denominalos souvenirs.

Dentro de toda esta investigación e o proceso de improvisacións, como xorde a idea para Non é unha canción?
M.L.: Non foi un proceso de sentar a falar e escoller un tema. Foi algo moito máis intuitivo. A raíz destes encontros e exercicios de creación démonos de conta de que había unha serie de temas que nos interesaban e que xurdían unha e outra vez nas diferentes improvisacións. De súpeto tiñamos moito material en bruto aparentemente inconexo, mais de aí fomos tirando do fío para ver que estaba por detrás de todo. Digamos que traballamos á inversa do que é habitual, porque a partir de todo isto fomos depurando cal era o concepto da obra.

D.A.: Realmente, tanto María coma min tiñamos moitas ganas de traballar xuntas e isto foi como o último empurrón que precisabamos. Ter a críticos de teatro e directores dos centros máis emblemáticos do noso país e de Portugal valorando o que fixemos foi todo un orgullo. 

—Cales son as dificultades que enfronta unha compañía nova?
M.L.: É interesante porque a compañía é nova, mais nós non o somos tanto. Sabendo que é unha compañía recentemente creada, programadores e demais xente da industria dan por feito que acabamos de saír da ESAD e que temos pouca experiencia, o cal non é certo. Temos que loitar para pór en valor a nosa experiencia previa a comezar a compañía.

E logo é certo que o panorama é bastante desolador: os orzamentos da Agadic aos que podemos chegar sendo unha compañía nova son moi baixos. Acabamos por facer unha produción cos recursos ao límite. Tamén te precarizas, porque nós tivemos que absorber o traballo doutros departamentos porque non podiamos pagar a outras persoas. É difícil centrarse na parte creativa e en ensaiar cando non paras de pensar na cantidade de correos que hai que responder ou na edición do espazo sonoro do espectáculo que aínda está pendente. A distribución na Galiza tamén é súper complexa: despois de meses enviando dossiers a todos os concellos da Rede de Teatros e Auditorios só conseguimos un bolo no Auditorio do Concello de Vigo o 13 de abril. É duro e frustrante.

Comentarios