Contracultura

María Brenn: "Nada xorde da nada, imos educándonos visualmente e creando unha biblioteca de imaxes"

María Brenn (Ferrol, 1994) leva dedicándose á ilustración de maneira profesional desde 2016. Agora comparte algunhas das chaves que a axudaron neste camiño, así como os diferentes proxectos nos que ten traballado.
María Brenn dedícase á ilustración de maneira profesional desde 2016. (Foto: Nós Diario)
photo_camera María Brenn dedícase á ilustración de maneira profesional desde 2016. (Foto: Nós Diario)

—Como chegou a dedicarse profesionalmente á ilustración?
Estudei na Escola Pablo Picasso da Coruña. A partir de aí tiven que facer unhas prácticas en Edicións Embora e gustoulles o meu traballo, polo que a partir de aí me suxeriron facer unha portada para un libro. Posteriormente, acabei facendo un álbum e unha novela ilustrada. En 2017, tamén recibín o Premio Pura e Dora Vázquez de Ilustración e a partir de aí a cousa foi rodando pouco a pouco. Foi unha alegría porque é difícil facerse un oco nesta profesión.

Agora mesmo estou traballando nunha novela ilustrada e teño algúns proxectos programados para o ano que vén que son continuacións dalgunhas cousas que xa fixen. Cadrou que este outono saíron catro libros nos que traballei ao longo do ano e estou moi contenta porque son libros moi distintos entre si e tamén distintos con respecto ao que eu imaxinaba que acabaría facendo.

Quizais os que máis se parecen son A miña amiga invisible (Xerais) e Un hada con el ala rota (Edebé) porque ambos falan de superar dificultades, do distinto que é ter unha contorna hostil ou unha que acepta as túas diferenzas. Mais logo tamén fixen un libro sobre a historia do Belén e outro sobre a mitoloxía arredor das constelacións e como atopalas no ceo. 

—No Culturgal fixo unha demostración en directo. Que chamou máis a atención do público?
A parte do bosquexo inicial, cando empezas de cero e de súpeto empezan a aparecer as formas e vas refinando até chegar ao que queres crear. Creo que é a parte que máis impacta porque parece que saen da nada, incluso para as propias artistas. Logo, a parte de rematar a cor e iluminar pode ser moi bonita de ver, mais eu creo que esa chispa inicial do debuxo é moi interesante. É como empezar a entrever o que vai ser máis tarde e podes ver todo o proceso de como se vai formando.

—Como se chega a un estilo propio?
Como todas as persoas que se dedican a arte, probando moitas cousas e vendo que funciona mellor. É verdade que se prestas atención ás obras que se van publicando no mercado, ves tamén certas tendencias e podes adaptarte a elas, por exemplo no que respecta ao tipo de cores que se usan. Tamén podes decatarte de que as formas máis redondeadas funcionan mellor para o público infantil, mentres que outro tipo de formas funcionan mellor para as persoas adultas. Máis aló diso, desde pequena gustoume moito a animación, os cómics, e creo que partindo das cousas que ves, as que che gustan e as que cres que poden funcionar acabas por dar cunha mestura que forma o teu estilo.

Nada xorde da nada, imos educándonos visualmente. Quizais as persoas artistas nos fixamos máis e por iso temos unha biblioteca dentro dun montón de imaxes que acabamos mesturando para crear o noso. Ademais de moitas horas de práctica e de facer a nosa man o movemento, por suposto. Cando levas moito tempo traballando e tes esa facilidade, parece que vén da nada porque a xente non ve todo ese progreso. Aliás, cada persoa ten algunhas cousas que non se lle dan tan ben e que quizais acaban sendo característicos á hora de debuxar. 

—Cre que é habitual velo como algo negativo?
Claro, é moi típico, mais ao final se intentas facelo todo perfecto o que acabas tendo é unha reprodución fotográfica. Eu creo que é igual que cando falamos da personalidade: os defectos e as cousas que che gustan son o que acaba diferenciándote das demais persoas. Por iso tamén creo que as persoas que debuxamos deberiamos interesarnos pola arte.

Téñome cruzado moitas veces con persoas que queren comezar no mundo da ilustración e aínda así non teñen artistas de referencia, non se paran a mirar as imaxes que lles gustan... Para min é algo fundamental ter interese polo que queres facer, polas cousas que fan outras persoas, porque é o que permite que poidas aprender delas.

Comentarios