mércores 19.02.2020

Margarita Ledo suma a súa curtametraxe ao Proxecto Nimbos

A directora Margarita Ledo Andión participa no Proxecto Nimbos do blog Acto de Primavera cunha curtametraxe creada sobre o poema “Noite do mundo” de Díaz Castro. 

Margarita Ledo Andión
Margarita Ledo Andión

“Noite do mundo” é o poema que a directora de cine e académica Margarita Ledo Andión recrea na  curtametraxe coa que participa no Proxecto NIMBOS do blog Acto de Primavera, creado polos autores, críticos e programadores Xurxo González, Martin Pawley e José Manuel Sande. Con imaxes evocadoras e poéticas, é a propia voz da autora a que recita os versos de Díaz Castro, autor ao que se lle dedica o Día das Letras Galegas e protagonista do proxecto que convoca a máis de trinta cineastas. Margarita Ledo é autora, entre outros, dos filmes A cicatriz branca, Liste, pronunciado Líster e Santa Liberdade. 

“Acto de primavera” publicou até o momento os filmes de Manuel Del Río, Manuel Álvarez, Carla Andrade, Otto Roca, RnL, David Castro, Xurxo Chirro e Xacio Baño. “Proxecto Nimbos” quer levar a obra de Díaz Castro ao audiovisual a partir de pezas de autoría que teñan como referencia os versos do autor que será homenaxeado o próximo ano no Día das Letras Galegas.  

Os cineastas que se comprometeron a participar no proxecto son Xurxo Chirro, Margarita Ledo, Eloy Enciso, Alberto Gracia, Oliver Laxe, David Castro Sopeña, Carlos Álvarez-Ossorio, Diana Toucedo, Juan Lesta, Belén Montero, Xacio Baño, Pablo Cayuela, Xan Gómez Viñas, Jaione Camborda, Víctor Hugo Seoane, Otto Roca, Alfonso Zarauza, José Antonio Cascudo, Ángel Santos, Manuel Fernández-Valdés, Eloy Domínguez Serén, Simone Saibene, Sonia Méndez Alonso, Antón Caeiro, Uxía Blanco, Manuel Álvarez Álvarez, Alex Cancelo, Xoán Escudero, Ramiro Ledo Cordeiro, Pela del Álamo, Manuel del Río, Alberte Pagán e Lois Patiño.

comentarios