martes 20/10/20
Creou con Assegonia itinerarios para ver outra Compostela

Marga Alborés: "As gárgolas son un auténtico bestiario simbólico do barroco"

Foi mestra, durante 40 anos, en escolas unitarias como a de Camelle ou a de Oroso, e rematou o seu traxecto laboral no colexio Pío XII de Compostela. Agora, aínda que retirada, o seu interese pola divulgación e a creación de materiais didácticos non decae e deseña itinerarios 'pétreos' pola arquitectura compostelá que se recollen no blog que vén de facer público, Assegonia.  
MargaAlbores
Marga Alborés. / Nós Diario

Por que titulou o seu blog desa maneira?
Assegonia era o asentamento romano que estaba situado na contorna da catedral de Compostela. Foi creada no século I, no cruzamento de varias vías romanas locais que comunicaban os diferentes poboados do momento. No século V quedou deshabitada, pero continuouse a usar para enterramentos até o século VIII e un pouco despois deuse o milagre de que no medio dun cemiterio se atopase unha tumba, a do apóstolo. 

Fálenos do itinerario dedicado aos dragóns.
Gústame ver a parte pagá na monumentalidade de Compostela. O primeiro que me chamou a atención foi a cantidade de dragóns que hai, contei até 300. Se o xulgamos polo relato cristiá, representa o mal, pero neste caso é imposíbel que se cinga a iso o seu sentido se no púlpito da catedral hai dragóns. Cruzan toda a historia da arte local, desde o mestre Mateo até a propia portada de Praterías, onde hai dous uróboros entrelazados, unha figura de dragón que morde a súa cola e que representa o ciclo da vida. Hai dragóns desde o románico, pero tamén proliferan nos grutescos do renacemento, mesmo se manteñen no barroco e no gótico. No século XI contan con retablos con dragóns entre anxos e no Hostal dos Reis Católicos hai un San Miguel que ten un dragón no colo e, de feito, en Compostela non vin unha soa figura deste santo que mate o dragón. Mesmo no Pazo de Fonseca, coa fachada chea de santos, hai dous dragóns e un deles é unha anfisbena, un dragón con dúas cabezas, a capacidade de ver o futuro e o pasado. 

Que descubriu nas gárgolas?
Son un catálogo incríbel de figuras fantásticas, un auténtico bestiario simbólico do barroco. Rodeando San Martiño Pinario pódense ver aguias e até un indio pero, en xeral, nas gárgolas represéntanse peregrinos, años, cabalos, sereas... mesmo cabaliños de mar. Mais están tan altas que pese ao marabillosas que son resultan difíciles de ver se non tes unha boa fotografía presente. Entre as que a min máis me gustan hai unha que ten un segredo, trátase dunha especie de ave que está en Val de Deus e, se te sitúas en fronte, ves que debaixo das garras da ave hai unha cara. Arredor do Hostal dos Reis Católicos podemos ver leóns que devoran crianzas, homes que dominan feras... Na fachada de Fonseca hai un bicho que ten no bandullo unha cara. No convento das mercedarias, na Virxe da Cerca, aparece unha serea preñada... A miña favorita é unha gárgola dun león que ten nas mans unha máscara de home. 

Falando de sereas, outra guía é Elas en Compostela...   
Fago un percorrido sobre a desaparición desas figuras emblemáticas da arquitectura da cidade. Todas estaban integradas no exterior dos templos e tamén se lles daba unha explicación relixiosa, aínda que esa non era a única. Por exemplo, hai unha figura que chaman Eva dando de mamar a Caín, situada na fachada norte da catedral, que viña sendo unha das tres condenas de Eva logo de ser expulsada do paraíso. Pero tamén se comenta se serían María e o neno na fuxida de Exipto e, de ser así, trataríase da primeira representación da Virxe do leite, das que había moitísimas por Compostela. Agora todas elas están retiradas, ou ben nos museos ou ben nos conventos, e só quedan na porta da igrexa de Salomé e na de Praterías. E temos tamén unha figura á que chaman A muller adúltera, debaixo da que Xelmírez empezou a oficiar os primeiros casamentos. Neste itinerario o que busco é amosar a impoñente presenza que tiña a muller, incluso erótica. Na maior parte das igrexas compostelás estaban as epifanías fóra e agora están dentro, e tratábase dunha gran muller á que adoraban os Reis Magos e lle rendían tributo. 

Marga Alborés: "As gárgolas son un auténtico bestiario simbólico do barroco"
comentarios