En marcha a segunda edición do certame cultural sobre o Reino da Galiza

A entidade provincial convocou unha nova edición do certame para difundir esta etapa da historia galega. 
Integrantes da área de Cultura da Deputación da Coruña na presentación da segunda edición do certame. (Foto: Deputación da Coruña)
photo_camera Integrantes da área de Cultura da Deputación da Coruña na presentación da segunda edición do certame. (Foto: Deputación da Coruña)

A Deputación da Coruña vén de publicar as bases do II Certame “Fondo de proxectos culturais Reino da Galiza 2023”, unha das convocatorias de “máis éxito” da área provincial de Cultura.

Trátase da convocatoria que puxo en marcha a Deputación para “pór en valor, difundir e socializar o coñecemento sobre as figuras, os lugares e os momentos dunha das etapas consideradas de maior esplendor da historia galega”, o Reino da Galiza, e que na súa primeira edición contou cun total de 127 proxectos presentados.

Ao igual que na anterior edición premiaranse proxectos en todo tipo de soportes e formatos: libros, discos, publicacións divulgativas, audiovisuais, espectáculos ao vivo, exposicións, congresos e xornadas, materiais de merchandising, contidos dixitais, murais e intervencións urbanas, contidos lúdicos, etc.

Bases

Concretamente, esta segunda edición conta cunha dotación de 200.000 euros e contempla 20 premios (de 10.000 euros cada un). Persoas físicas ou xurídicas con sede social permanente no territorio galego e que estean legalmente constituídas no momento de facer a solicitude como empresa, entidade de economía social ou persoa traballadora autónoma poderán presentar un único proxecto para acceder a esta convocatoria.  

Poderán presentarse á convocatoria proxectos que se desenvolvan entre o 1 de xaneiro de 2023 e o 31 de marzo de 2024; e non se admitirán aqueles que supoñan unha continuidade ou fases sucesivas de proxectos xa premiados na anterior convocatoria deste mesmo certame.

O prazo de presentación de solicitudes abrirase coa publicación da convocatoria deste premio no Boletín Oficial da Provincia (BOP) da Coruña, a través do Sistema Nacional de Publicación de Subvencións, e fecharase ás 14:00h do 25 de abril.

No primeiro certame, resultou escollido, entre outros o proxecto Os reis e as raíñas da Galiza. 1000 anos dun reino de seu, publicado neste xornal.

Comentarios