'Vivir sen permiso e outras historias de Oeste'

Manuel Rivas asómase ao narco no seu novo libro de relatos

De tres relatos longos componse o novo libro de Manuel Rivas, Vivir sen permiso e outras historias de Oeste. O narcotráfico e como este acaba por se apropiar das comunidades é o asunto compartido polas tres pezas. Un deles, o que dá título ao volume publciado por Xerais, serviu de alicerce para a serie homónima de televisión.
 

Manuel Rivas
photo_camera O escritor Manuel Rivas. Foto: cedida.

“Ao xeito da serie negrocriminal, Rivas retrata un tempo histórico onde se acrecenta o poder das mafias, da cobiza do diñeiro sucio e da corrupción”, sinala a editorial nunha nota de promoción. Pero como en toda a obra do escritor, nado na Coruña en 1957, sempre hai liñas de fuga e a liberdade é unha posibilidade.

vivir sen eprmiso

O medo dos ourizos abre o libro cunha historia de precariedade, medo, cocaína e azares. O conto Vivir sen permiso avanza seco, por veces reducido ao esquelete, con habelenciosos usos da elipse, a partir dun personaxe en que esvaecen as lindes entre capitalismo e crime. Sagrado mar acontece dentro da prisión e fala “do dilema entre a obediencia e a desobediencia”.

“A escrita impactante, poderosa edirecta constrúe un libro fascinante”, engaden desde Xerais, “de literatura na beira, na marxe do risco, que o autor define como lietratura vagabunda ou estremeira”. Manuel Rivas xa visitara os territorio de Oeste en Todo é silencio, a súa novela de 2010, tamén dedicada a ese particular estadio do capitalismo chamado mafia.

Este mesmo ano Rivas publicou o ensaio xornalístico Contra todo isto (Xerais, 2018).

Nota: cuberta de Vivir sen permiso e outras historia de Oeste.

Comentarios