'Reboiras. Acción e corazón'

Manuel Reboiras: "O filme sobre meu irmán superou as miñas expectativas"

PDC 2020 venres
photo_camera Imaxe da estrea do filme en Vigo. / Nós Diario

Reboiras. Acción e corazón estreouse onte en Vigo, nun acto especialmente emotivo no que interveu o irmán de Moncho, Manuel Reboiras.

Segundo declaraba antes da proxección a Nós Diario, agardaba poder ver desta volta con máis detalle o filme, pois no pase de presentación en Imo (Dodro), ao ar libre, non puido apreciar ben a calidade da película. Con todo, "non me disgustou", di.

Ao evento asistiron outras testemuñas entrevistadas, como Nemésio Barxa, Lois Ríos, Xosé Brañas, Xesús Chaves, Luís Pérez Rivas, Maribel Boubeta, Luz Rei ou Xesús Sanxuás.

Alén do propio director, Alberte Mera, e do actor Daniel Celester, que encarna a Moncho, tamén estivo presente Samuel Lema, director de arte que, entre múltiples traballos, foi responsábel do natural detallismo cotián d’O que arde.

Manuel Reboiras celebra que se teña feito este filme despois de 45 anos da morte do seu irmán. "Preocupábame bastante que o discurso se construíse sobre 30 bustos parlantes", confesa.

"Vas ter que botarlle moita imaxinación para que non sexa un produto para catro simpatizantes da causa", díxolle a Mera desde o comezo. Mais Reboiras ficou gratamente sorprendido: "Superou as miñas expectativas. Ten un dinamismo sorprendente, e iso ten mérito".

A Reboiras teríalle gustado que incluíse algún documento máis, aínda que é consciente de que en 60 minutos igual "non daba moito pé". Entre eles, menciona o Certificado de Declaración de Reparación e Recoñecemento Persoal que recibía a familia en 2009.

Por outra banda, a película deixa claro, como el quería, que ao seu irmán "o mataron con tres tiros polas costas", algo que ademais de ser relato, conta cunha recreación ficcional.

Manuel Reboiras considera un acerto a aparición de familiares como a súa curmá Lita Martínez, que trazan a dimensión máis íntima do activista.

Como ten declarado Mera, era xustamente a súa intención humanizar, sen por iso perder a trascendental dimensión política, a quen se agocha tras unha perruca e un bigote que o retrataron como símbolo para a posteridade, cando non era esa a súa verdadeira aparencia, nin Moncho o nome polo que o coñecían as persoas achegadas.

E é que a Xosé Ramón Reboiras Noia chamábanlle Pepe. Mais, como ben conclúe o irmán da figura central do documental, "Pepe morreu, pero Moncho segue vivo".

Comentarios