mércores 08/12/21
IRMÁN E SOBRIÑA DE EUSEBIO LORENZO BALEIRÓN

Manuel e María Lorenzo, pai e filla, navegan con Cunqueiro para gañar o Xerais 2012 de Novela

A grande sorpresa da velada foi coñecer a autoría compartida do Premio Xerais. Pai e Filla, de Dodro, case descoñecidos no mundo das letras mais de apelidos moi literarios. Manuel Lorenzo Baleirón e María Lorenzo Miguens. Irmán e sobriña de Eusebio Lorenzo Baleirón. O Premio Merlín foi para Marcos Calveiro. 

O irmán e a sobriña de Eusebio Lorenzo Baleirón, un dos nomes de referencia da literatura galega do século XX, sorprenderon ao seren merecedores por unanimidade do xurado do Premio Xerais de Novela. Profesor o pai e licenciada en Comunicación Audiovisual e estudante a filla, ambos presentaron conxuntamente a novela Tonas de laranxa, de ar cunqueirián, coa que ambos se fixeron merecentes do recoñecido galardón.

Tanto María como Manuel teñen tido xa incursións na literatura, cunha investigación sobre a toponimia de Dodro el ou con relatos ela mais a escrita desta novela conxunta demostra un dominio das técnicas literarias e da linguaxe que o xurado puxo en valor. Os seus nomes danlle máis forza literaria á familia e mesmo ao rosalián concello de Dodro, onde cada ano se entrega o premio literario co nome de Eusebio Lorenzo Baleirón e de onde é natural tamén Anxo Angueira, escritor e novo presidente da Fundación Rosalía de Castro. A literatura e o estudo da lingua apegados ás terras de Iria caracteriza o traballo dos dous autores. 

Na novela de Manuel e María Lorenzo, Tonas de laranxa, o xurado destacou que a elección foi clara ao ficaren  “engaiolados polo sensitivo perfume da laranxa desta obra en que o lírico, o onírico e o simbólico se conxugan de xeito maxistral para dar lugar a unha novela fermosa”.

No texto en que argumentan a escolla, anotan que “a través de Uxío Oliveira, da súa cativadora avoa Aurora dos Santos, do inmigrante Amir Alfarat e da súa filla Oriana, do misteriosamente desaparecido Amaro e da curiosa peixeira Sofía Costa, como de tantos outros personaxes, o autor ou autora constrúen unha fabulación extraordinaria, que debulla maxicamente os pequenos feitos que suceden na vila de Moreira, antes chamada O Laranxal”.

"Todas as obras son anónimas. Todas son colectivas", afirmou Manuel Lorenzo

María Lorenzo Miguens (Tarrío, Dodro, 1986), unha das máis novas gañadoras do Xerais na súa historia, destacou  que “a intención de ambos os dous autores, filla e pai, foi botar da man de Cunqueiro estas tonas de laranxas ao mar, xa que non se vive sen soños, para regresar ás illas das Cotovía”. Pola súa banda, Manuel Lorenzo Baleirón (Tarrío, Dodro, 1957) fixo mención á lingua da súa terra, que el ten estudado, ao dicir que  “todas as obras son anónimas. Todas son colectivas. Para ir tecendo estas historias de ensoños, reloxos e laranxas fomos collendo palabras de aquí e de acolá, xuncas das Brañas de Laíño. Nunha lingua antiga. Irrenunciábel”.

Unha aventura iniciática

A información galega está na túa man!

Subscríbete ao noso boletín de novas.

Date de alta de balde e recibirás unha selección dos nosos artigos para saberes o que acontece.

Menos sorpresa supuxo escoitar o nome do gañador do Premio Merlín de Literatura Infantil. Marcos Calveiro facíase co recoñecemento por Palabras de auga, en que narra a aventura iniciática de Amadou, un rapaz suahili que pertence a un clan de nómades.  O xurado fixo fincapé neste caso na solidez da obra, construída a través de flashbacks que artellan a historia.

Acrecentou o xurado que  “os pulmóns de África respiran nas follas deste libro coa forza de todo o continente. A inclemencia do sol, a busca desesperada da auga, a sorte do alimento… E as mulleres, pedra angular das tribus africanas, e que nesta obra representan o sólido capaz sobre o cal descansa toda responsabilidade da supervivencia”.

"Estou realmente emocionado. O premio Merlín é o premio de referencia da Literatura Infantil e Xuvenil galega"

“Cunha narración liviá entre a que se van entrelazando o galego e o suahili, o autor fai un impecábel retrato do ser humano e do seu comportamento sometido a condicións extremas. O libro reborda lirismo e calidade literaria. É desas obras que emocionan, que conmoven, que cautivan” escribiron arredor da obra eses primeiros lectores que foron os membros do xurado. 

Calveiro (Vlagarcía, 1968) un autor sólido na literatura contemporánea e xa abondosamente premiado sinalou que  “estaba realmente emocionado, o premio Merlín é o premio de referencia da Literatura Infantil e Xuvenil galega. Ver o meu nome aí canda os de Agustín Fernández Paz, Marilar Aleixandre, An Alfaya e tanto outros éncheme de orgullo”.

Marilar Aleixandre, mantedora literaria

A escritora Marilar Aleixandre, como mantedora literaria desta velada co discurso 'O círculo de luz: escrita, conflito e lume', referiuse ao papel da lectura e dos libros que iluminan, aqueles que “foron escritos con lume e gardan ascuas entre as súas páxinas”, aqueles que “traban en nós, como di Kafka, os que cravan o seu ferrete”. Aleixandre defendeu a lectura de “libros que sexan literatura, que teñan lume dentro”, sendo xeralmente aquelas obras que “teñen no seu cerne un conflito dentro”.

A autora salientou que “o conflito, a desventura, o infortunio son os vimbios cos que se tecen, non só as novelas chamadas de adultos, senón tamén as xuvenís”. “Creo que Rosalía concordaría en que escribir é chamar ás cousas polo seu nome e, en moitas ocasións, levar a contraria”, engadiu.

Medios en galego

Pechou o acto Manuel Bragado, director da editorial, quen, no seu discurso, destacou a aparición, ao longo dos últimos doce meses, de novos medios de comunicación que enriquecen o ecosistema da lectura en galego. Rematou as súas palabras reclamando nestes tempos de austeridade a maior atención para o mundo do libro e da cultura.

A entrega dos premios da editorial Xerais tivo lugar, máis unha vez, na Illa de San Simón, cun concorrido acto literario en que se entregaron o Premio Xerais de Novela dotado con 15.000 euros e o Premio Merlín, de 10.000. 

Manuel e María Lorenzo, pai e filla, navegan con Cunqueiro para gañar o Xerais 2012 de...
comentarios