Mámoas de Vigo: De seren referencia do megalitismo a ficaren abandonadas entre a maleza e con eucaliptos enriba

No seu día foron das mámoas que máis restos achegaron ao coñecemento do megalitismo, mais a día de hoxe, permanecen agochadas e abandonadas entre a maleza na parroquia viguesa de Candeán.

mamoa
photo_camera Estado que presenta a Mámoa I (Imaxe: Kike Estévez Hernández)

O docente Kike Estévez Hernández denuncia o estado no que se atopan dúas mámoas da parroquia de Candeán, en Vigo. Unha delas é a Mámoa I de Costa Freiría, “encóntrase nun camiño desfeito -xa non existe- por unha actuación forestal máis que agresiva, que deixou toda a contorna arrasada e chea de restos de madeira -hai máis de seis meses-“, denuncia.

Con fotografías, demostra que está “totalmente cuberta de maleza”, o que impide a súa visión, e a sinaléctica “atópase chantada no medio da mámoa, entre a maleza, o que dificulta a súa localización”.

O profesor pon de manifesto que a coñecida como Mámoa I de Costa Freiría “é unha das que máis restos achegou ao coñecemento do megalitismo galaico”, hoxe en día “totalmente oculta e esquecida”.

Unha situación que se repite coa Mámoa III de Costa Freiría, tamén en Candeán, localizada a uns 30 metros da Mámoa I, tamén nun camiño “desfeito”, que xa non existe, debido, segundo a denuncia de Estévez, “por unha actuación forestal máis que agresiva, que deixou toda a contorna arrasada e chea de restos de madeira”.

Advirte o docente e activista en defensa do patrimonio que a mámoa “está totalmente arrasada, rodeada de árbores queimadas e coa terra totalmente removida”. “Sobre toda a mámoa vense tocóns de eucaliptos que nacían enriba dela e que foron cortados con máquina pesada hai uns meses”, acrecenta.

Ademais, sinala que “as pedras milenarias que formaban parte da coiraza pódense ver soltas por riba da mámoa” e a sinaléctica, neste caso, está “esnaquizada e tirada pola contorna e sobre a mámoa”, con “plásticos e lixo de toda clase ao seu redor”.

“Agora seica queren musealizar a Casa dos Mouros, para que pensemos que no Concello de Vigo se preocupan pola cultura arqueolóxica”, reflexiona o docente.

Actuación na Casa dos Mouros

Precisamente, o Concello de Vigo informou esta semana da aparición “obxectos de grande interese”, como a punta dunha frecha, hachas e pezas de cerámica, na sondaxe do proxecto que comezou o 4 de xullo.

A Casa dos Mouros, monumento megalítico, será escavada nun futuro, segundo avanzou a pasada quinta feira o alcalde da cidade, Abel Caballero, quen puxo de manifesto que foron atopados restos de pintura e un corredor que dá acceso á cámara megalítica central, na que “se conservan moi ben as pedras”.

Trátase do dolmen mellor conservado de Vigo e un dos máis relevantes da Galiza e está catalogado como Ben de Interese Cultural.

Abel Caballero (centro) e Carmela Silva, xunto a un arquéologo na escavación.
Abel Caballero (centro) e Carmela Silva, xunto a un arquéologo na escavación.

Protesta do BNG en xuño

A Casa dos Mouros foi obxecto da reivindicación que fixo o BNG de Vigo no mes de xuño, cando ducias de persoas convocadas pola fronte nacionalista realizaron un acto de protesta ao pé do dolmen para reclamar a súa valorización, “após ano e medio rodeada cun valado de obra”.

“O Goberno de Abel Caballero foi incapaz de dar unha soa explicación para manter o Dolmen valado e nun estado lamentábel”, criticou entón o concelleiro do BNG en Vigo, Xabier P. Igrexas, acompañado da deputada no Parlamento galego e responsábel local, Carmela González, do responsábel comarcal, Manuel Caride, e outros cargos e militantes da organización nacionalista.

Igrexas apuntou nese momento non ter recibido ningunha resposta ás numerosas interpelacións realizadas desde o Bloque, a última o pasado mes de maio, “esixindo actuacións que garantan a adecuada conservación deste elemento chave da arquitectura dolménica da cidade, localizado na parroquia de Candeán e recuperado nos anos 90 polo propio Concello".

Acto reivindicativo do BNG de Vigo no mes de xuño.
Acto reivindicativo do BNG de Vigo no mes de xuño.

 

Comentarios