sábado 19/09/20
Entrevista

Rosario Regueira: "O maltrato da muller é peor no medio rural"

Rosario Regueira rescata a través da ficción a represión das mulleres
Retrato de María Rosario Regueira.
Retrato de María Rosario Regueira.

María Rosario Regueira dedicou gran parte da súa vida ao activismo político e social. Do seu compromiso feminista nace Compañeira, non serva, a súa terceira novela, unha obra de ficción que pon o foco de atención nas violencias que afronta a muller "especialmente no rural". 

Que vai atopar a lectora que se achegue a Compañeira, non serva?

Non vai descubrir nada novo, pois todas coñecemos a situación de maltrato xeneralizado que sofre a muller hoxe en día. O que eu pretendo é relatar isto inserido no medio rural, nunha época que foi aínda peor da que é hoxe. Falamos de 1920 aproximadamente, até a actualidade, retratando as agresións que enfrontamos as mulleres, que non son exclusivamente físicas, senón psicolóxicas e de toda índole. O feito de que non puidésemos abrir unha conta bancaria sen a autorización do "varón que as custodie" hoxe semella fóra de lugar, mais aconteceu hai pouco tempo. Eu lémbroo perfectamente. No medio rural é máis flagrante, porque hai menos recursos e apoios. 

Que motivos a levan a escribir este libro?

Son unha muller xa de 60 anos, polo que vivín épocas polo menos tan duras como as actuais. Ademais son galega, nada e criada no medio rural, polo que coñezo a sociedade do interior da Galiza e a situación de moitas mulleres. Cando eu era unha cativa, un individuo matou unha rapaza porque non quería ser a súa moza, e despois matouse el tamén. Hai pouco, aínda o mes pasado, un vello asasinou unha muller e despois suicidouse. É unha historia que repetimos ao longo da vida, iso é o que eu quería salientar. 

A memoria é un medio para reflexionar sobre o presente.

Efectivamente. Eu xa sei que con Compañeira, non serva non vou mudar a vida, que máis quixese, pero é unha chamada de atención, sobre todo para a mocidade que vén, a mirar arredor para que non pense que está todo feito, senón que por desgraza a historia moitas veces repítese. Por iso, primeiro debemos pór en valor o que somos. En segundo lugar, cómpre fomentar a solidariedade entre as mulleres, iso é o fundamento do libro. 

Con todo, a situación da muller na sociedade mellorou.

Muller, si. Afortunadamente. Ás veces penso que non, porque hai 30 anos eu e outras coma min pelexabamos polo dereito ao aborto, ao divorcio... a ser persoa como tal. Agora miras arredor e ves que cousas que parecían perfectamente asentadas lle veñen dar a volta. Tamén hai que ter en conta que até a altura dos anos 60 do pasado século mantíñanse vixentes situacións como que se o marido ou o pai descubrían a muller nun adulterio podían matala para salvar a súa honra, mais se facían o mesmo co amante era un homicidio. Por iso, está moi ben criticar a situación noutras culturas, pero temos que ver tamén o propio para saber de onde saímos, a onde chegamos e a onde queremos ir. 

comentarios