Máis de 25 bandas e 200 artistas daranse cita no Festival Maré

Compostela acollerá unha nova edición do evento.
O concerto de Amancio Prada será un dos pratos fortes do festival. (Foto: Nós Diario)
photo_camera Amancio Prada abrirá a nova edición do festival. (Foto: Nós Diario)

Do 20 ao 24 de setembro, o Festival Maré chegará a Compostela co obxectivo de “catalizar as conexións culturais da Galiza co mundo, que van desde as conexións musicais ás lingüísticas, pasando polas emocionais, históricas e simbólicas”, segundo indican desde a organización do festival. Camiño das dúas décadas de vida, Maré chegou en 2020 a Compostela para, segundo salientan, “visibilizar unha cidade que se proxecta ao mundo a través de camiños de ida e volta nun diálogo intercultural entre ambos lados do Atlántico”.

O festival foi presentado esta terza feira na propia capital da Galiza no Salón Teatro. Alí estiveron presentes Jacobo Sutil, presidente da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), Xosé Manuel Merelles, director de Turismo da Galiza, Gloria Pavía, artista compostelá que fará o seu debut en Maré e interpretará un tema na presentación; Vítor Belho, director do Festival Maré, e Amancio Prada, artista que abrirá o Festival Maré.

Segundo indican desde a organización do festival, ao longo de cinco días por Maré pasarán 27 bandas con máis de 200 artistas de até 10 países distintos.

O concepto de Maré

"Maré é un concepto que promove un verdadeiro encontro artístico e que presta atención á inclusión social, o feminismo, á diversidade sexual, ás comunidades locais ou a sostibilidade ambiental. Unha oportunidade para descubrir novas propostas e provocar colaboracións inéditas entre artistas convidadas e convidados", aseveran desde a organización do evento.

Aliás, "Maré é un festival que promove a calor e a proximidade e unha integración na cidade achegándose coidadosamente ao patrimonio. Tanto no aspecto arquitectónico e paisaxístico, como no aspecto emocional intanxíbel, tecendo vínculos con comunidades musicais emblemáticas de Compostela. Unha idea de cultura extensiva, afastada dos macroaforos, na cal o público vive a experiencia da proximidade real coas artistas", acrecentan.

Comentarios