mércores 26/01/22

MACBETH
(Reino Unido 2015, 113 min.)
Dirección: Justin Kurzel
Guión: Todd Louiso, Michael Lesslie, Jacob Koskoff 
Fotografía: Adam Arkapaw
Música: Jed Kurzel
Elenco: Michael Fassbender, Marion Cotillard, David Thewlis, Elizabeth Debicki, Jack Reynor, Sean Harris, Paddy Considine, Julian Seager, David Hayman, James Michael Rankin, Barrie Martin, Ross Anderson

SINOPSE
Macbeth, un barón escocés, recibe a profecía dun trío de meigas de que un día se converterá no rei de Escocia. Consumido pola ambición e incitado pola súa esposa, Macbeth asasina ao seu rei e toma o trono para si.

CRÍTICA 
Macbeth, barón de Glamis, valeroso e carismático guerreiro, recibe unha enigmática profecía de tres bruxas: “vai ser rei Escocia”. Obsesionado con tal revelación, como se cumprires o presaxio fora unha obriga que non pode evitar, e acirrado pola súa ambiciosa esposa, atópase de súpeto maquinando moi en serio o asasinato do rei Duncan para tomar a coroa para si mesmo. Unha vez feito o brutal magnicidio as culpas recaen sobre o fillo do rei que fuxe deixando o camiño libre a Macbeth. Atormentado polo sentimento de culpa, Macbeth irá mudando o carácter para se converter nun vil tirano capaz de cometer os máis terríbeis asasinatos para que ninguén lle arrebate o trono. Lady Macbeth era ben sabedora que o seu home non estaba preparado para asasinar, que era demasiado bo para soportalo, que era algo non estaba na súa natureza; aínda así, embelecouno con escuras artes para acadar o ansiado trono mantendo, iso si, unha lixeira esperanza de que, co tempo, seu home puidera soportar o peso da culpa e así saborear xuntos as meles do poder. 

"Michael Fassbender dá unha nova clase maxistral de interpretación que, quizais, lle dea por fin o Óscar"

Mais unha vez coroados o reinado tórnase nunha pesada carga. En troques de gozar coas riquezas e as grandezas do posto, a desconfianza levará á paranoia e esta á desesperación que rematará nunha loucura de sangue e morte. A traxedia de William Shakespeare afonda na eterna historia de aferrarse a toda costa ao trono/cadeira (cousa que podemos ver todos os días só con ler o xornal), mais tamén é un estudo de psicoloxía avanzada ao seu tempo, onde retrata a un ser humano que se ve “obrigado” a facer cousas alleas a súa natureza e acaba por se converter en algo que non é. O australiano Justin Kurzel (premio FIPRESCI en Cannes pola inédita Snowtown) presenta a enésima adaptación do mito shakesperiano, que xa pasara por mans tan ilustres coma Orson Welles (en 1948), Roman Polanski (en 1971) ou de Akira Kurosawa (na versión samurai de 1957 titulada Trono de Sangue). Kurzel presenta un filme violento, barroco e algo denso, matizado con escenas de batalla a cámara lenta que andan a medio camiño entre Sam Peckimpah e Canal+, producindo unha estraña sensación entre beleza clásica e brutalidade videoclipeira. Como o texto orixinal, conserva certo ton teatral mantendo pasaxes en prosa e verso. 

MacbethMichael Fassbender dá unha nova clase maxistral de interpretación que, quizais, lle dea por fin ese Óscar que lle roubaron no 2014 pola brillante encarnación dun salvaxe capataz que non da para máis en 12 anos de escravitude. Como Lady Macbeth temos a unha Marion Cotillard -que esta si ten un Óscar por La Vie en Rose- que vai de máis a menos. Comeza de maneira absolutamente brillante coma unha muller ambiciosa de ollos desorbitados polo poder, e acaba sendo unha muller temerosa do seu marido diluída un pouco pola presenza de Fassbender. Curiosamente ambos estarán de novo ás ordes de Justin Kurzel na esperada adaptación do videoxogo Assasin’s Creed, que previsiblemente chegará a finais do ano que ven. 

Este Macbeth deixa un regusto agridoce. Por un lado contén un virtuosismo visual abafante ao servizo da narrativa e uns actores para quitar o chapeu, non só “os Macbeth”, tamén David Thewlis (Regresión) como o rei Duncan, Sean Harris (Prometheus) como o recto e vingativo Lord Macduff ou Paddy Considine (Pride) como o escéptico Lord Banquo, que tamén recibirá parte da profecía: “nunca herdará o trono, pero terá unha liñaxe de reis”. A parte negativa deste Macbeth radica quizais na obsesiva “presenza” de Kurzel e, o seu director de fotografía habitual, Adam Arkapaw, excesivamente protagonistas. Si que por momentos acadan composicións que parecen verdadeiros lenzos do Renacemento pero, por outra banda, ao non manter o nivel visual durante toda a metraxe acaba por transmitir unha sensación de irregularidade no seu conxunto. Con todo, estamos ante unha das máis valentes e arriscadas adaptacións de Macbeth. Un filme poético, salvaxe, complexo e fascinante que non deixa indiferente. 

A información galega está na túa man!

Subscríbete ao noso boletín de novas.

Date de alta de balde e recibirás unha selección dos nosos artigos para saberes o que acontece.

'Macbeth'
comentarios