O lume arrasa o santuario da Barca

Un incendio animado polos fortes ventos arrasaron en arredor de seis horas o santuario da Barca, en Muxía. A destrución é case total do interior e tamén dos teitos, e estase á espera dun informe sobre o estado da estrutura. Un raio sobre un transformador próximo apúntase como causa. 

.
photo_camera .

En pouco máis de cen días, o lume arrasou dous espazos de culto da Costa da Morte. O Olimpo Celta de Carnota en setembro e agora o santuario da Virxe da Barca, en Muxía, que na madrugada do día 25 era pasto de lapas incontrolábeis nunha noite dunha climatoloxía adversa de máis que fixo que o lume devorara o templo. 

O retablo quedou completamente destruído, ao igual que a inmensa maioría das imaxes. O teito da sacristía -principal espazo afectado- derrubouse e o da bóveda ameaza con caer e estase á espera dun informe que avalíe o estado da estrutura xeral do templo. 

As causas do incendio apuntan a que un dos raios daquela madrugada de intensa treboada tería caído nun transformador próximo e teríase conducido a través da rede eléctrica até o templo. Á espera de novas investigacións, todo apunta cara o efecto fulminante dun raio contra o que non puido o pararraios da igrexa. 

O incendio púidose ter provocado arredor das seis e media da madrugada, hora punta da treboada desa noite, aínda que só o aviso de dúas veciñas pasadas as oito activou o mecanismo para a súa extinción, co aviso aos bombeiros e protección civil. As primeiras horas foron desoladoras, con ventos de máis de cen quilómetros que facían imposíbel calmar as fortes lapas que non tardaron en prender na madeira e demais materiais inflamábeis do templo. O incendio só se deu apagado arredor da unha da tarde.

O da Barca é un lugar de referencia a peregrinaxe. Se ben o primeiro documento arredor do edificio data do 1544, todo apunta a que foi fundado entre o século XV e XII no que unha capela foi levantada no lugar. O actual templo, de clara dominancia barroca con influencias do clasicismo do século anterior,  data de 1719 e o retablo maior, adicado á Virxe da Barca era obra do artista compostelán Miguel de Romay. 

 

Comentarios