O testamento poético de Luísa Villalta

O Centro Ramón Piñeiro publica un poemario inédito da autora.
'As palabras ingrávidas', de Luísa Villalta, publícase nunha coidada edición que inclúe o facsímile do manuscrito. (Foto: Armando Requeixo) #luísavillalta #poeta #centroramónpiñeiro
photo_camera 'As palabras ingrávidas', de Luísa Villalta, publícase nunha coidada edición que inclúe o facsímile do manuscrito. (Foto: Armando Requeixo)

O 6 de marzo de 2004 falecía Luísa Villalta, filóloga, poeta, narradora, dramaturga, ensaísta, violinista e, sobre todo, unha das figuras máis relevantes e queridas da cultura galega da altura. Finou nova, con só 46 anos de idade, mais deulle tempo suficiente para acadar unha madureza artística envexábel e un dilatado recoñecemento de parte de público e crítica. Non obstante, a súa desaparición significou un golpe para as letras do país e deixou demediada unha obra que prometía aínda infinitas posibilidades de desenvolvemento.

Vén de publicarse Luísa Villalta. As palabras ingrávidas, editado polo Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades, un volume que reafirma esa promesa de avance dunha autora que sempre se moveu entre a liberdade creativa e o rigor lingüístico, entre a audacia expresiva e a depuración formal. 

O novo volume, editado polo investigador e crítico Armando Requeixo, recupera un proxecto de Villalta en edición facsímile, acompañado da transcrición completa dos textos manuscritos. “Luísa decidiu escribir este libro nun almanaque da editora portuguesa Assírio & Alvim no que, na folla correspondente a cada día, se incluía un texto poético de autores moi variados: de Pessoa a Hölderlin ou Auden”, explica Requeixo a Nós Diario.

“E ao pé de cada folla, ela escribía un seu poema en diálogo co do almanaque. Comezou a facelo o 1 de xaneiro de 2004 e deixou de facelo a finais de febreiro -Villalta falecería o 6 de marzo-, polo que temos máis de cincuenta poemas inéditos que, ademais, teñen un nivel que, en ocasións, dialoga en pé de igualdade con eses vultos da literatura universal. O tema vén inducido polo texto co que dialoga mais lendo os seus poemas detéctase que estaba na plenitude da súa escrita, nun proceso de esencialización lírica da súa obra. É unha poesía extraordinaria”.  

Esta esmerada edición respecta “escrupulosamente” a aventura poética da autora, polo que a reprodución facsimilar “impúxosenos desde o primeiro momento”, di Requeixo.

Mais o volume conta cun atractivo adicional: o primeiro estudo de conxunto sobre a súa vida e sobre a súa poética, obra do propio Requeixo. “Hai que ter en conta que Luísa faleceu moi nova”, observa o editor, “estaba entre nós e ninguén contaba coa súa desaparición, polo cal non se fixera ningún ensaio biográfico nin literario. O que intentei facer foi encher esa lagoa facendo un estudo introdutorio que, ademais de presentar este poemario concreto, fixese unha primeira aproximación global. Enténdoo como un traballo de base para que a partir de aí, outras persoas poidan melloralo e incrementalo”.

Este estudo de Requeixo achega información inédita, documentos gráficos descoñecidos e datos que axudan a enriquecer o coñecemento que até o de agora posuíamos da figura de Villalta

E só é o principio: o Centro Ramón Piñeiro, depositario do legado da escritora, inicia con este facsímile unha edición das obras completas de Villalta e, entre os documentos que aínda non viron a luz, detalla Requeixo, "hai varios poemarios inéditos, unhas 600 cartas, case 50 diarios, unha peza teatral, un cento de conferencias anotadas a man, documentación persoal... Era unha traballadora incansábel e unha auténtica todo terreo da escrita". 

Comentarios