O Luísa Villalta premia as “mulleres libres” e as linguas "non hexemónicas"

O certame da Deputación recoñeceu proxectos culturais igualitarios. A entrega de premios desta terceira edición decorreu na cuarta feira. "Estamos moi satisfeitas pola diversidade en temáticas, disciplinas, ideas e inquedanzas", afirmou a deputada de Igualdade, María Muíño.
Algunhas das persoas premiadas con representantes da Deputación. (Foto: Nós Diario)
photo_camera Algunhas das persoas premiadas con representantes da Deputación. (Foto: Nós Diario)

Iniciativas centradas nos nenos da varíola, as mulleres libres de Monte Alto e As Atochas (na Coruña), a memoria e o relato íntimo feminino e mesmo a tradución feminista entre linguas non hexemónicas levaron os galardóns dos III Premios Luísa Villalta pola igualdade. O xurado deste certame promovido pola Deputación da Coruña escolleu un total de oito proxectos do total de iniciativas culturais achegadas ao evento. 

"Estamos moi satisfeitas pola diversidade en temáticas, disciplinas, ideas e inquedanzas que representan o conxunto dos oito proxectos", destacou no acto de entrega dos galardóns -que tivo lugar esta cuarta feira- a deputada de Igualdade María Muíño. 

Desde o seu punto de vista "todos obedecen ao obxectivo de impulsar unha sociedade máis xusta e máis democrática". Houbo propostas escénicas, pero tamén testemuñas vítimas do franquismo abrindo o abano de par en par. Así, escolleuse As Mapoulas, Mulleres libres de Monte Alto/As Atochas, casas refuxio, unha acción que se centra na figura histórica de Alicia Dorado a través do teatro, a poesía, o vídeo, a danza e a música. 

A adaptación teatral da historia dos nenos da varíola, de Victoria Pérez Varela, tamén tivo premio pola posta en valor da figura da pioneira Isabel Zendal e por apostar na divulgación científica e a memoria histórica. 

O xurado tamén seleccionou entre todas as propostas Bravas. Culturactiva S. Coop Galega -que "pon en valor do papel das mulleres na historia"- e Traballadoras da liberdade ABA Films 1 SL -unha iniciativa audiovisual e editorial que compila testemuñas de mulleres que padeceron o franquismo de forma directa-.

A área de Igualdade tamén se fixo eco do Proxecto Anónimas de Gemma Marqués Redondo, que da protagonismo a mulleres anónimas, sobre todo do rural, a través da arte, e de Sementae: procesos de tradución feminista entre linguas non hexemónicas, idea da colaboradora de Nós Diario María Reimóndez

Igualmente, foron consideradas merecedoras do Luísa Villalta a longametraxe Crías de Xiana Gómez Díaz, que repasa diarios adolescentes, espazos íntimos, autorrelatos..., e o documental sobre como é percibida a violencia de xénero no rural Deben falar, que asina Silvia Fernández Romero. 

Para a deputada todos estes proxectos, así como os recoñecidos nas dúas edicións previas, son "motores da igualdade". No acto tamén destacou a referencia da "poeta, narradora e dramaturga" Luísa Villalta, que dá nome ao certame.

Comentarios