Contracultura

Luísa Abad: "No Ateneo Atlántico colaboramos coas entidades viguesas, é a maneira de realizar o que facemos"

Luísa Abad (A Coruña, 1951) é a actual presidenta do Ateneo Atlántico (Vigo), un espazo que busca manter activa a vida cultural da cidade. Nestes momentos, e até o 10 de maio, estarán recibindo orixinais para participar na cuarta edición do Certame Exeria de relato curto.
O Ateneo Atlántico, que preside Luísa Abad, ten aberto o prazo para participar no Certame Exeria. (Foto: Nós Diario)
photo_camera O Ateneo Atlántico, que preside Luísa Abad, ten aberto o prazo para participar no Certame Exeria. (Foto: Nós Diario)

—O tema deste ano para o premio Exeria, organizado en colaboración coa Fundación Xoán Piñeiro, é 'Vigo, aldea do noso'. Por que escolleron esta temática?
A temática sempre a escolle o xurado. Cada ano intentamos ter unha persoa de prestixio dirixindo o xurado. Xa tivemos Silvia Penas, Xina Vega e Xabier Paz e este ano contamos con Inma López Silva. O ano pasado versou sobre a ría de Vigo e o anterior arredor do mobiliario e as pinturas. Sempre intentamos pór lemas ambiguos para que a xente poida levalo a onde queira, aínda que nos interesa que a cidade estea presente. No caso da temática deste ano, cando eu cheguei a Vigo facíame moita graza que o meu alumnado sempre me dicía que ía á aldea na fin de semana, todo o mundo tiña aldea.

Como digo, é un tema que escolle o xurado, mais a miña interpretación é que cada vez a xente nova queda máis en Vigo, non marcha, polo que chega a converterse nesta aldea. Este premio é moi importante para nós porque é o que pon fin ao noso curso de actividades.

Comezamos a pór todo en marcha co nomeamento dunha persoa asociada de honra e despois de meses e meses de actividades, pomos o ramo final co Exeria. Por iso, tamén intentamos que haxa actuacións musicais e unha pequena festa. O ano pasado puidemos contar con MJ Pérez e Su Garrido e para este ano aínda estamos fechando nomes.

—Desde a súa fundación, o Ateneo organiza actividades culturais moi diversas. Como se organizan?
O Ateneo vive única e exclusivamente das achegas das persoas asociadas, que agora mesmo están arredor das 300. Por iso, durante a pandemia, pensabamos que xa tiñamos que fechar definitivamente. Dividímonos en varias comisións: pensamento e debate, cinema, literatura, feminismo e excursións. Temos un club de lectura moi activo, no que primamos a lingua galega e intentamos traer autoras e autores para conversar. Incluso durante a pandemia tivemos xuntanzas online con xente como Susana Aríns ou Juan Tallón.

Agora mesmo intentamos facer, mensualmente, unha presentación dun libro, proxectar dous filmes e un club de lectura, e despois ir enchendo o resto da programación coas actividades das demais comisións. A comisión de excursións é moi activa. Na última saída fomos ver as fortalezas do río Miño, tanto dunha beira como da outra, mais tamén adoitamos ir a exposicións e outro tipo de excursións culturais. Temos un pouco paralizadas as charlas que comezamos a facer arredor da historia de Vigo, pero foron moi interesantes e chamaron moito a atención. Imos facendo o que podemos porque por parte da directiva é un voluntariado total. 

Unha parte importante é a relación coa propia vida da cidade.
Intentamos tamén colaborar con todas as entidades viguesas que nolo propoñen porque é a única maneira de facer o que facemos. Non temos local propio, estamos alugando un por tres días que imos alternando cos cines Norte para poder facer as proxeccións de cinema. Noutras ocasións pedimos algún espazo na Casa Galega da Cultura e as charlas case sempre as facemos na biblioteca da Escola Municipal de Artes e Oficios (EMAO), que é unha sala moi emblemática por toda a historia que ten. Aquí tamén é onde estamos a desenvolver un curso de fotografía, que está tendo bastante participación.

Comentarios