Cinema

'Arxentina, 1985' e 'As bestas', grandes triunfadoras nos Premios Platino

A película de Sorogoyen gravada na Galiza obtivo catro premios, incluíndo o de Mellor actor de elenco para Luís Zahera, mentres o filme protagonizado por Ricardo Darín venceu en cinco categorías, entre elas a de Mellor película, na que competía directamente con 'As bestas'.
Fotogramas de 'Arxentina, 1985' e 'As bestas'.
photo_camera Fotogramas de 'Arxentina, 1985' e 'As bestas'.

O actor compostelán Luís Zahera fíxose co galardón á Mellor interpretación masculina de elenco polo seu papel na película dirixida por Rodrigo Sorogoyen As Bestas nos X Premios Platino, cuxa gala decorreu este sábado en Madrid. Non foi a única distinción que obtivo na noite, pois tamén Sorogoyen foi elixido Mellor director e logrou vencer, a maiores, nas categorías de Mellor dirección de montaxe (Alberto del Campo) e Mellor dirección de son (Aitor Berenguer, Fabiola Ordoyo, e Yasmina Praderas).

A Mellor película iberoamericana de ficción foi Arxentina, 1985, de Santiago Mitre, e venceu tamén nas categorías de Mellor dirección de arte (Micaela Saeigh), Mellor guión (Mariano Llinás e Santiago Mitre) e Cinema e Educación en Valores. Aliás, o protagonista da cinta, o arxentino Ricardo Darín, logrou o galardón a Mellor interpretación masculina en cinema, que compartiu cos seus compañeiros, especialmente co actor Peter Lanzani, presente na cerimonia.

Pola súa parte, a serie colombiana Noticia dun secuestro, que aspiraba a seis premios, levou o de Mellor miniserie ou teleserie Cinematográfica, así como os seus creadores o de Mellor creador de miniserie ou teleserie cinematográfica (Andrés Wood e Rodrigo García). A actriz Cristina Umaña gañou o premio a Mellor interpretación feminina polo seu papel nesta serie, mentres Majida Issa fíxose co de Mellor interpretación feminina de elenco.

Susi Sánchez logrou o recoñecemento de Mellor interpretación feminina de elenco polo seu papel en Cinco lobitos, de Alauda Ruiz de Azúa, que tamén lle valeu a Laia Costa o premio a Mellor interpretación feminina.

O premio á Mellor ópera prima de ficción foi para 1976; o de Mellor película de animación, para Aguia e Xaguar: os guerreiros lendarios; o de Mellor película documental, para O caso Padilla, e o de Mellor comedia de ficción, para Competencia oficial. Así mesmo, Utama fíxose cos premios a Mellor música orixinal (Cergio Prudencio) e Mellor dirección de fotografía (Bárbara Álvarez).

No apartado de Series, Guillermo Francella gañou o premio a Mellor interpretación masculina pola súa actuación en O encargado, mentres Alejandro Awada alzouse co de Mellor interpretación masculina en elenco por Iosi, o espía arrepentido.

A cerimonia tamén contou coa intervención de Benicio del Toro, quen, entre aplausos e o publico en pé, recolleu o Platino de Honra. O intérprete portorriqueño agradeceu o recoñecemento e cualificou de "honra" o feito de recibilo en Madrid, "a capital do mundo hispano", dixo.

Comentarios