Luís Valle: “En poesía tan importante como crear é destruír”

Luís Valle é poeta en sentido intenso. En poucas ocasións o discurso poético se mostra con tanta forza, cun compromiso íntimo que máis que unha forma de escribir é xa unha maneira de ser. Este domingo día 12 recolle o Premio Lueiro Rey en Fornelos de Montes por As cicatrices do Sol (Sotelo Blanco). 

Luis Valle
photo_camera Luís Valle

A caída (Pen Clube) gañou o Premio de Poesía Caixanova, con Fedor (Sotelo Blanco) o Eusebio Lorenzo Baleirón, logo viría Caderno do mendigo (Barbantesa) e este domingo día 12 presenta As cicatrices do Sol en Fornelos de Montes. Será no acto no que o poeta Luís Valle reciba o Premio Lueiro Rey de Poesía nun acto que contará coas acteriores gañadoras Eli Ríos e Silvia Penas, os críticos Ramón Nicolás, biógrafo de Lueiro Rey, e Armando Requeixo, representante do xurado, ademais do presidente da RAG, Xesús Alonso Montero. 

-Como recibe as críticas que falan, maiormente, da excelencia da súa obra e da singularidade da súa voz poética?

A verdade é que non me recoñezo nelas. Supoño que o traballo, a dedicación, o agarimo e a paixón que lle pos á actividade que elixes na vida ten que dar resultados. No meu caso decidín hai vinte anos escribir poesía e poñerlle todo o meu empeño. Cando algo forma parte da túa vida de xeito tan íntimo acábase notando. Ao meu ver a clave está aí, a xente que vive intensamente a literatura valora que outra persoa se empeñe e procure facer as cousas do mellor xeito. Escribir poesía ten moito a ver co traballo e a emoción . Precísase técnica e esforzo, pulir e tentar chegar ao poema en cada ocasión, que non sobren versos, que non sobren palabras, que o son, a imaxe e o contido intelectual se axusten. 

-Mais no feito creativo hai algo máis que traballo, é dicir, non todo o mundo que o intenta o consigue. 

Existen moitos discursos sobre o que é o talento e o xenio mais no meu caso non me valoro como escritor talentoso nin, desde logo, xenial. O que son é poeta vocacional, son e síntome poeta as vintecatro horas ao día e ao final o traballo acaba tendo valor literario, acaba sendo poesía. Compre ser autocrítico e merece a pena ler, reler e analizar a propia obra. Normalmente antes de dar ao prelo un libro paso bastante tempo con el, con momentos en que vexo inconsistencias, nos que non me recoñezo e preciso volver a pensar. No traballo poético tan importante como crear é destruír, ser quen de liberarte e esquecer o tempo. Desexo deixar unha obra poética, nada transcendente, mais a miña, cun camiño poético propio. 

-Que significa ser poeta as vintecatro horas do día nun tempo como o que vivimos?

Un xeito de concibir a vida e estar no mundo. Traballo e vivo de maneira moi convencional mais emocionalmente e creativamente considérome poeta a tempo completo. 

"Precísase técnica e esforzo, pulir e tentar chegar ao poema en cada ocasión, que non sobren versos, que non sobren palabras, que o son, a imaxe e o contido intelectual se axusten". 

-Afirma que o texto ten que chegar á poesía. Cando e como se produce ese proceso?

Cando acontece a poesía un poeta recoñéceo. Moitas veces xorde camiñando. Aparece primeiro en momentos xerminais que logo hai que desenvolver, ver como medra na páxina, como se configura e se artella como un tapiz nun libro. Escribir un libro de poesía non é labor sinxelo, ten que haber sentimento, emoción, ideas e cultura e todo iso tense que plasmar sobre a páxina en branco. Penso e defendo a poesía como unha necesidade vital. 

-Como definiría esa voz poética que vostede quere propia e singular?

A miña voz propia quizais sexa o froito da empatía e do amor, con reflexo nun espello non necesariamente positivo senón que leva á dor e á morte. Teño capacidade de amar, de comprender as circunstancias doutras persoas e iso non conduce a unha visión idílica da existencia senón todo o contrario. 

-As cicatrices do Sol, A caída, Caderno do mendigo, Fedor... xa os propios títulos das obras adiviñan o sentido tráxico da súa poesía. 

Vai por aí, si. De todos modos, hai poemarios que teñen os seus claro-escuros, non todo é tebra. Hai unha parte positiva e clara que é o que lle dá a tonalidade. Un percorrido no que hai unha base primaria de amor e afecto cara a vida e as persoas, senón sería unha poesía deshumanizada. Non hai que confundir o eu poético co autor nin coa persoa. Son alegre e afábel e esa non é a impresión que dou nos poemarios. 

-A súa é unha poesía que busca transmitir sensacións?

O poema cumpre moitas función. Para min a poesía é esencial e connatural á humanidade, é un xeito de coñecer e estar no mundo tan importante como calquera outro. Intento que a miña poesía remova emocións. Ser quen de conmoverse permítenos achegarnos intelectualmente a outros. Defendo a radical necesidade da palabra poética, senón non tería pervivido milenios. Achega ás persoas ao que non poden acadar doutro xeito, dá claves para a vida e transmite experiencias e sentimentos. Continuará mentres a humanidade exista. Ninguén pode eliminar ese sentimento pleno de ser humano, a comprensión do amor, a desolación perante a morte... iso é o que nos dá a poesía. 

"Ninguén pode eliminar ese sentimento pleno de ser humano, a comprensión do amor, a desolación perante a morte... iso é o que nos dá a poesía". 

-Estamos entón diante dunha poesía íntima, que parte do interior do autor e diríxese cara ao interior de quen le, pouco narrativa tamén. 

A narratividade ocorre simbólica e emocionalmente que é como funciono. Dalgún xeito son herdeiro do espírito romántico. Admiro a poesía lúdica, a literatura irónica, os autores que xogan coa palabra e saben divertir mais a poesía na que vexo un modelo é a romántica na que, aínda que se conte unha historia é desde a escala humana. Fuxo da epopea e gústame traballar persoa a persoa.

-A morte, o amor, o paso do tempo.. os grandes temas da poesía non se esgotan nunca?

Cando escribo non teño vontade de tocar eses grandes temas mais o que nos move, o que nos inspiraadoitan ser cousas importantes, que me preocupan a min como a resto do mundo. Procuro escribir unha poesía que calquera pode entender, outra cousa é que sexa de lectura sinxela. A complexidade simbólica e esíxelle ao lector certo esforzo, descubrir claves para gozar. O marabilloso da poesía é que comunica nun nivel distinto, que procura encher a palabra de significados, do punto de vista intelectual, musical, harmónico e estético e iso non é trivial.  

-Vostede é tamén pintor, que relación ten a poesía coas artes plásticas?

Resúltame útil para cambiar o rexistro. Pintar é máis físico e material, máis inmediato e cando volvo á poesía fágoo con novos azos, coas ideas máis claras. 

-Con ese compromiso tan intenso coa poes>a, que referentes literarios sinalaría?

Como recoñecíbeis e próximos Valente, Gamoneda, Paul Celan, Holderlin, Rilke, William Blake, Rimbaud, Verlaine, Valerie, Eliot, Lois Pereiro, Rosalía de Castro, claro está, Leiras Pulpeiro, Octavio Paz... 

-Poetas en estado puro... 

Autores con clarísima vocación poética que forman parte do canon e son arquetípicos. Son os autores tutelares, logo están outros moitos que me interesan. Admiro precisamente iso, o compromiso coa poesía, coa palabra dun xeito completo. 

A entrevista canda un adianto do libro As cicatrices do sol foi publicado no número 139 de Sermos Galiza, ao dispor na nosa loxa. 

Apoia Nós Diario

Se estás lendo de balde este xornal é grazas ás máis de 3.000 persoas subscritoras. A información independente ten un prezo. Apoia un xornalismo galego e sustentábel subscribíndote a Nós Diario ou facéndote mecenas.