O Festival Bal e Gay chega á súa décima edición en agosto

Maria João Pires tocará en Ribadeo 
Maria João Pires.
photo_camera Maria João Pires.

Onte presentouse en Foz a décima edición do festival Bal e Gay, que decorrerá do 10 ao 24 de agosto. Uns 4.000 espectadores asistirán aos 14 concertos.  

A Real Filharmonía de Galiza, emblema cultural con máis de 25 anos de historia, inaugurará co seu director Maximino Zumalave a décima edición do  Festival o día 10 de agosto no Teatro Pastor Díaz de Viveiro. Posteriormente, o cuarteto de saxos Kebyart actuará o día 12 na Fortaleza de Alfoz.

A soprano Rocío Pérez, xunto co pianista Javier Carmena, ofrecerá un recital o día 13 no Auditorio Hernán Naval de Ribadeo e a a talentosa violonchelista madrileña Sara Ferrández estará o 14 de agosto na Igrexa de Lourenzá. 

 

Duplo concerto de Maria João Pires

Un dos momentos máis esperados do programa será a pianista portuguesa Maria João Pires, que dará un duplo concerto o día 15 no Auditorio Hernán Naval de Ribadeo. O Cuarteto Quiroga, tocará en duplo pase o 16 de agosto na Basílica de San Martiño de Foz. O Pazo do Conde de Fontao de Foz será outro dos escenarios, acollendo a Juan Pérez Floristán, co seu Trío VibrArt, o 18 de agosto.  

Os percusionistas Conrado Moya e Katarzyna Myćka chegarán á Casa da Cultura de Cervo, seguidos de  Opera Omnia, o 20 de agosto na Igrexa de Santiago de Foz. O recital do barítono alemán Konstantin Krimmel terá lugar o día 21 na Catedral de Mondoñedo. 

O quinteto galego Zoar soará o día 22 na Igrexa de San Miguel Reinante de Barreiros e a Orquestra Sinfónica de Galiza, un dos máis recoñecidos de España tras 30 anos de experiencia, fechará o festival o día 24 de Agosto na Catedral de Mondoñedo. 

 

Comentarios