Luar na Lubre publicará un disco con “tesouros” de toda a súa traxectoria

Trinta anos despois de botar a andar Luar na Lubre anuncia que sacará á rúa o 9 de decembro un dobre recompilatorio con “tesouros” de toda a súa traxectoria, con sorpresas e novidades. 

luarnalubre
photo_camera Luar na Lubre

A banda vén de anunciar un novo CD “de celebración e reafirmación xa que non é un recompilatorio tradicional senón que vai máis alá e achega unha colección diferente de temas agochados, de tesouros non habituais”.

Unha desas sorpresas é unha versión do tema “Fonte do Araño”, composta polo músico Emilio Cao, considerado por eles “un dos maestros e guía do espírito da música de Luar na Lubre”. E a isto hai que sumarlle a colaboración de Ismael Serrano á voz, Nani García nos teclados e a Coral de Ruada nos coros. 

LNL-novodisco

Outra das novidades dentro deste recompilatorio son as versións actualizadas de tres temas, xa gravados anteriormente, como a clásica irlandesa “Morrison's jig” ou “O soldado desgraciado” e “Dun tempo para sempre”. 

Luar na Lubre é unha das bandas máis lonxevas do folc galego. Premiada en numerosas ocasións tanto a nivel nacional como internacional, acadou dous discos de ouro por dous dos seus traballos ao superar as 50.000 copias vendidas. O primeiro destes discos -'Plenilunio'- incluía un tema (“O son do ar”) que foi versioneado por Mike Oldfield, que o incluiu como track número 1 do seu álbum 'Voyager' no ano 1996 co título “The song of the sun”, o que lle outorgou trascendencia internacional á banda. Este tema tamén aparecerá no novo disco.