Cinema

Curtocircuíto celebra o seu 20º aniversario en outubro

Do 3 ao 8 de outubro o Teatro Principal e outros espazos do casco histórico acollerán un ano máis proxeccións, espectáculos audiovisuais, encontros e outras actividades dirixidas a todas e todos os que gocen do cinema en pantalla grande.
O director portugués Pedro Costa en Curtocircuíto 2022. (Foto: Cristina Padín)
photo_camera O director portugués Pedro Costa en Curtocircuíto 2022. (Foto: Cristina Padín)

Este ano, o festival Curtocircuíto chega ao seu vixésimo aniversario cunha edición chea de novidades, renovando a súa identidade visual e reconfigurando o modelo de festival. En 2013 Curtocircuíto viviu a súa primeira transformación: implementou outras artes visuais, incluíu longametraxes e creou as  seccións Radar, Penínsulas, Planeta GZ, Terra, Púlsar ou Supernova. 

Dez edicións despois, o festival volve a reinventarse para ofrecer un modelo compacto que terá o seu eixo nunha ampla Sección Oficial chamada Cosmos, que concentrará os filmes que antigamente acollían Explora, Radar ou Penínsulas. Cosmos nace para levar Curtocircuíto a unha nova etapa onde o cinema narrativo máis arriscado conviva directamente coas propostas de vangarda e onde a diversidade cultural e outros temas vixentes da nosa sociedade teñan un espazo para a visibilización e a reflexión.

Planeta GZ, Supernova ou Terra seguirán sendo os tres grandes espazos onde o cinema galego teña o seu punto de encontro. Ademais, o festival pecha a etapa de seccións como Longas x Curto, Curmaos ou Playlist e, pola contra, medra en sesións especiais con convidadas e convidados que acheguen propostas experienciais, máis aló da proxección convencional. Curtocircuíto ofrecerá espectáculos nos que converxan artes visuais e sonoras, atendendo ao interese dunha programación  afastada da oferta pasiva das plataformas VOD e das salas comerciais. 

Esta edición trae dúas novidades: a nova identidade gráfica do festival -realizada polo deseñador eenyakee en colaboración coa dirección artística do festival- e a propia campaña promocional para 2023.Curtocircuíto sempre entendeu que a comunicación do festival, máis aló de ser un envoltorio, é parte da súa liña de programación. Por iso dende hai máis dunha década a campaña promocional de cada edición afonda nos conceptos de “misterio” e “exploración”. A misión de Curtocircuíto é chegar os novos territorios da creación artística e por iso a súa imaxe sempre está vencellada á paisaxe e os lugares por descubrir.

Ademais, o festival recupera a súa campaña en Filmin, na que se presentará unha escolma de 20 pezas escollidas entre os mellores filmes curtos das últimas dúas décadas.  

Comentarios