O cinema latinoamericano estréase no S(8) da man de Narcisa Hirch

As novas xeracións de realizadoras de cinema experimental protagonizan a nova sección do festival: Sinais Latinoamérica

Fotograma do filme 'Pink Freud' (1972), de Narcisa Hirch.
photo_camera Fotograma do filme 'Pink Freud' (1972), de Narcisa Hirch.

O cinema experimental latinoamericano desembarcará na 15ª edición do festival (S8) da Coruña, cuxa décimo quinta edición terá lugar do 31 de maio ao 9 de xuño.

Trazando unha liña que parte da figura histórica da arxentina Narcisa Hirch e chega ás novas xeracións de realizadoras o festival inaugura unha nova sección, "Sinais Latinoamérica", cun programa comisariado pola peruana Ivonne Sheen, co convencemento de estar ante un territorio cunha das formulacións máis interesantes na arte e a creación cinematográfica de hoxe en día, no cal as mulleres realizadoras son as protagonistas absolutas.

O (S8) Mostra Internacional de Cinema Periférico sitúa a creación latinoamericana como un dos puntos fortes da edición deste ano 2024; unha selección de cinema realizado por mulleres que levará ao público a un territorio diverso dunha creatividade desbordante.

De Narcisa Hirsch, pioneira e referente de varias xeracións, poderanse ver na Coruña obras inéditas recentemente recuperadas. Hirsch (Berlín, 1928 - Bariloche, 2024), foi unha das artistas máis importantes do cinema de vangarda mundial e da arte latinoamericana, referente para as novas xeracións xunto a nomes como o de Claudio Caldini e Marie Louise Alemann.

Chegou a Arxentina coa súa familia a principios dos anos trinta e os seus inicios artísticos están vinculados á pintura. Na década dos sesenta comezou a traballar no happening, e a partir de aí empezou o seu interese polo cinema. Hirsch formou parte e formou parte do núcleo dunha comunidade de cineastas e artistas arxentinos de vangarda que reinventaron a linguaxe cinematográfica. Hirsch sinalou máis dunha vez que filmar fóra da industria e próxima á poesía era, de seu, un posicionamento suficientemente subversivo.

O interese pola súa obra intensificouse nos últimos tempos grazas en boa parte á posta en marcha da filmoteca que leva o seu nome en Bos Aires e que recuperou medio centenar de copias únicas que corrían o risco de perderse por deterioración.

Comentarios