Contracultura

Lola Rontano: "Todo comezou coa mina de Corcoesto. Tratei de dar forma novelada aos acontecementos"

Lola Rontano (Comala, Murcia, 1977) é a autora de 'Esperta do teu sono' (Xerais), unha novela que xira arredor das ameazas ambientais que tiveron lugar na Costa da Morte, mais tamén da toma de conciencia da poboación e a súa loita.
Lola Rontano é activista ambiental e profesora de francés en secundaria. (Foto: Nós Diario)
photo_camera Lola Rontano é activista ambiental e profesora de francés en secundaria. (Foto: Nós Diario)

—Cal foi o xerme de Esperta do teu sono?
Tratei de darlle forma novelada aos acontecementos que vivín de perto nos anos 2012 en adiante. Todo comezou co proxecto da mina de ouro de Corcoesto, que traía unha empresa do Canadá e que contaba co aval da Xunta. Era unha grande ameaza para a comarca, entre outras cousas, porque o proxecto contaba con grandes balsas que ían conter substancias tóxicas e tamén suporía a perda de caudais hídricos e inclusive dun río, xa que a empresa precisaba moitísima auga.

Na novela tamén quixen reflectir a loita e a unión que existiu entre o mundo científico, sindical e outros sectores. Grazas a isto, o que era unha problemática local, logrou rapidamente unha escala internacional. De seguido puxémonos en contacto con xente de Asturias, a Arxentina e o Perú para tratar de aprender sobre como xestionaran problemáticas similares. Alén disto, na novela tamén quixen recoller as miñas inquedanzas con respecto ao futuro do planeta, a ecoloxía, que para min é un asunto capital desde que teño uso de razón.

Tamén aparecen outras ameazas que está a sufrir a Costa da Morte: eses montes que preservamos dunha mineira poucos anos despois xa estaban sendo solicitados polas empresas eólicas. Houbo un contraste porque a xente non percibía o perigo dos aeroxeradores da mesma maneira na que podía percibilo dunha mina a ceo aberto, polo que foi unha loita moito máis difícil e, mentres tanto, cometéronse moitas desfeitas. Aínda así, nesta historia tamén hai espazo para outras subtramas e distintos tipos de amor, como a sororidade, o amor filial, o amor aos animais e o amor heterosexual, homosexual e bisexual. Hai un pouco de todo.

—A súa ligazón con este tipo de conflitos xa vén de lonxe, posto que chegou á Galiza durante o Prestige.
Naquel momento tiña dispoñibilidade para marchar sen problema e decidín dun día para outro coller un tren e achegarme á Costa da Morte para axudar porque sentía que as imaxes que eu vía na televisión me interpelaban. Nunca estivera na Galiza e esa idea converteuse nunha aventura que xa dura máis de 20 anos. Gustoume moito o ambiente que se creou de persoas que viñan de sitios moi distintos, que trataban de axudar e de facer o que se puidese facer.

Despois preparei as oposicións de francés e tiven a sorte de conseguir unha praza e puiden quedar aquí. Lembro eses anos moi movidos: a resaca do Prestige, os axentes políticos tratando de calar voces, a guerra do Iraq, o 11-M... Foi unha época de fitos sociais e eu sentín que había unha sociedade que estaba esperta, que estaba mobilizándose. Para min tamén foi un espertar porque eu viña de Murcia, unha rexión na que os nacionalismos en xeral están moi mal vistos.

Claro, coñecendo o nacionalismo galego e comprendendo as reivindicacións das amizades que fixen aquí, cheguei a darme de conta de que en realidade eu viña dun nacionalismo español. De súpeto, entendía claramente o que eu estudaba na carreira en relación coa sociolingüística. Aínda así tamén me dei de conta de que a prensa fala bastante mal de Murcia, que non digo que non haxa razóns, mais si diría que se eu tivese que coñecela só a través da prensa pensaría que só hai fachas. E non é o total da realidade, as cousas non son tan homoxéneas en ningunha parte.

—Como percibe agora este contraste?
É unha mágoa que non haxa un intercambio real, que a xente comece a coñecer a música ou a cultura galega a raíz do Benidorm Fest. Que está xenial, mais antes das Tanxugueiras tamén había moitas cousas descoñecidas fóra da Galiza. Creo que son cousas que deberían compartirse máis entre pobos que, supostamente, forman parte dun Estado que os engloba. Eu tiven a sorte de que as amizades e os amores que fixen falaban en galego, polo que estabelecín unha relación afectiva con esta lingua.

Comentarios