Contracultura

Loita amada: "Nos tempos actuais estase perdendo moito o sentido da concienciación e da esperanza"

Nébeda Piñeiro e Pablo Carracedo, coñecido no mundo da música como Jásper, presentan novo proxecto, Loita amada, cuxo primeiro disco verá a luz o próximo 19 de decembro. En conversa con 'Nós Diario' abordan a creación do proxecto, coa idea de transmitir unha reivindicación concreta: "Que os condicionamentos externos non van frear as nosas ansias de liberdade".
Loita amada está composta por Pablo Carracedo, 'Jásper', e Nébeda Piñeiro. (Foto: Nós Diario)
photo_camera Loita amada está composta por Pablo Carracedo, 'Jásper', e Nébeda Piñeiro. (Foto: Nós Diario)

—Como xorde Loita amada?
Nébeda Piñeiro: A historia comezou co que eu inicialmente considerei un disparate de Jásper. Cando nos atopabamos dicíame: 'Temos que facer algo xuntos, ti vas cantar comigo!'. Mantívenme escéptica até que me decatei de que era serio. A partir de aí, viñeron as ganas e a ilusión de descubrir unha a unha as cancións que fixera Jásper, algunhas das cales levaban anos gardadas en caixóns agardando este momento.

Jásper: Xa durante a etapa final de Nao, que foi moi longa, apeteceume compoñer outro tipo de cancións que, polo instrumental ou pola forma, non encaixaban no perfil que tiñamos. Funas gardando na recámara durante anos e unha vez que rematou Nao tamén foi un tempo de desconectar, porque era moita a presión que había. Despois, como a min non me gustan os proxectos individuais falei con Nébeda, a ver se lle apetecía axudarme a montar isto e comezamos a traballar. Claro, a miña idea era chamar persoas da música e comezar a ensaiar, mais chegou a pandemia e paralizamos todo. Unha vez rematou, tiven unha chamada dun estudio de gravación, Xonix Records.

A partir de aí encerrámonos no estudio e comezamos a darlle forma ao que imos presentar este 19 de decembro. Fíxose dunha forma diferente ao que eu estaba acostumado porque buscamos a banda para os directos despois de facer o disco. A pandemia paralizou o modelo que eu tiña en mente e a min apeteceume deixarme levar e que fora o estudo quen lle dera xeito as miñas cancións. 

—Como definiría o estilo do disco?
N.P.: O disco vai ser unha sorpresa para as que agarden ao Jásper que se subía aos monitores e para as que agarden á Nébeda pandeireteira. A Jásper séguelle gustando un bo pogo e a min unha boa muiñeira riscada, pero neste traballo ides vernos nunha versión máis comedida en canto ás formas. Respecto ao fondo... Coidado, avisamos, somos os mesmos que cando empezamos.

—Hoxe saíu o primeiro tema do disco, O naufraxio, acompañado dun videoclip. Por que foi este o primeiro en saír?
J.: Pensamos que é un tema que resume bastante ben o que vai ser este proxecto. É un dos temas que segue un pouco a estela do que viña facendo historicamente e entón ten este matiz para que a xente vexa que ao final isto é unha continuación da miña carreira. A letra tamén é moi significativa porque, aínda que a fixen antes da pandemia, fala moito de que sairemos desta tumba, de manter a esperanza e a ilusión, das ganas de loitar e de tirar para adiante remando todas xuntas, porque se non estamos todas non imos poder saír. É un berro á liberdade, porque estas ansias na condición humana están por enriba da razón.

Como di alguén, esta noite partiremos e afundiremos porque non sabemos nadar, mais sairemos igual porque os condicionamentos externos non van frear as nosas ansias de liberdade. Penso que é unha mensaxe moi importante para dar e principalmente o que buscamos tanto Nébeda coma min é reivindicar este tipo de cousas, estes chamados e reflexións. Nos tempos actuais estase perdendo moito este sentido da concienciación e da esperanza, de que a xente se organice colectivamente.

O videoclip gravámolo en Fisterra, na praia de Arnela, porque queriamos darlle o matiz de que se vira o noso país, a nosa paisaxe. Nas Rías Baixas estamos afeitos a que non haxa unha praia sen unha casa pegada a ela, mais buscabamos gravar nesta época do ano e unha praia desértica para darlle forma ao tema, ao illamento e á soidade. Foi unha rodaxe complexa porque facía moito frío e de feito o primeiro día tivemos que cancelar as tomas de aula porque o mar estaba bravo e daba a volta a barca. Tivemos algún que outro susto. O naufraxio xa está en todas as plataformas e temos un segundo videoclip previsto para saír o 16 de decembro, uns días antes da saída do disco enteiro.

Comentarios