Loita Amada presenta un tema para alzar a voz contra Altri

O Auditorio da Illa de Arousa, o próximo domingo, e o CSC do Ensanche en Compostela, a vindeira segunda feira, acollerán unha proxección do videoclip seguida dun debate.

Loita Amada. Arriba: Iván Barreiro, Jásper, Amós Varela e Iván Bernárdez. Abaixo: Xiana Naval e María Prado (Foto: Cande Lora).
photo_camera Loita Amada. Arriba: Iván Barreiro, Jásper, Amós Varela e Iván Bernárdez. Abaixo: Xiana Naval e María Prado (Foto: Cande Lora).

O vindeiro 25 de xuño, Loita Amada presenta o seu novo tema, "O seu puñal", unha peza concibida para alzar a voz contra Altri que conta coa colaboración de máis dun cento de persoas e colectivos, entre os que destacan a Plataforma Ulloa Viva, Baixo Ulla Vivo e Ulla Vivo. O tema inclúe un manifesto lido polos músicos Davide Salvado e Xiana Lastra que fai un chamado a continuar coas mobilizacións. 

A canción e o videoclip serán lanzados en plataformas online o próximo 25 de xuño. Pero antes contará con dúas proxeccións públicas que incluirán charlas sobre os efectos medioambientais da instalación de Altri na Ulloa, que afectan a todo o país.

A presentación será o domingo 23 de xuño, ás 12 horas, no Auditorio Municipal da Illa de Arousa. Nunha conversa posterior intervirán Jásper, autor e intérprete da canción, Olaia Ledo, voceira da comisión de ecoloxismo do BNG e Inma Rodríguez, presidenta das mariscadoras da Illa de Arousa. 

En Compostela, a presentación terá lugar no CSC O Ensanche o 24 de xuño, ás 19 horas. Organizada por Altri Non Compostela, contará coas intervencións de Jásper e Fins Eirexas, secretario de Adega. 

A realización do vídeo contou coa colaboración de ducias de persoas, e foi gravado en numerosas localidades, como a Illa de Arousa, Palas de Reis, Catoira, Compostela e A Estrada entre outras. Ademais, o vídeo inclúe imaxes das mobilizacións contra Altri que se realizaron nos últimos meses. Para a gravación, Loita Amada contou co apoio da Asociación Cultura Dorna, a Escola de Navegación Tradicional (ENT), a Agrupación de Mariscadoras da Illa de Arousa, a Asociación Culturgal DS, o Galeón San Pedro, a Asociación Cultural Komaira e o galeón Komaira e a Plataforma Eólicos Xesteiros Non, entre outras.

Loita Amada é un proxecto musical liderado por Jásper que xorde da canción protesta galega con sonoridades de rock-punk. Neste 2024 lanzaron o seu novo traballo “Rematou o simulacro”.

 

Máis en CULTURA
Comentarios