Localizan en Pontevedra 2 obras de arte espoliadas polos nazis en Polonia

Un díptico, integrado polos cadros dun Ecce Homo e unha Dolorosa, forma parte da colección do Museo de Pontevedra e tras saír de Varsovia en 1944 reapareceron en Madrid 30 anos despois. Serán devoltas ao Estado Polaco, por sensibilidade e seguindo os tratados internacionais.

expolio nazi pontevedra
photo_camera Xosé M. Rey e César Mosquera co díptico (Foto: Deputación)

Dous cadros do século XV obra do pintor flamenco Dieric Bouts tomarán en breve rumo a Polonia desde Pontevedra, cidade onde se atopaban no seu museo. Un dípttico dun Ecce Homo e unha Dolorosa procedentes dun espolio nazi en Polonia

As dúas pezas chegaran ao Museo a través da colección Fernández López, mais a división de rastrexo de bens espoliados do Ministerio de Cultura polaco identificounas como parte das obras roubadas polo que agora, segundo confirmou o vicepresidente da Deputación César Mosquera, serán devoltas aos seus lexítimos propietarios “con orgullo e por reparación histórica” logo de coñecer a súa escura orixe.

O director do Museo, Xosé Manuel Rey, foi o encargado de explicar polo miúdo o percorrido das dúas pezas. Indicou que a noticia da identificación como bens espoliados xurdiu durante o confinamento pola pandemia cando Mariusz Wiśniewski, do Departamento de Patrimonio Cultural do Ministerio de Cultura e Patrimonio Nacional de Polonia, contactou co Museo de Pontevedra para interesarse polo díptico. Segundo a documentación que aportaba, as dúas pezas pertencían á Colección da Princesa Czartoryski en Gołuchów que fora roubada polos alemáns durante a Segunda Guerra Mundial. Ambas pinturas, tras saír de Varsovia en 1944, reapareceron no comercio de arte de Madrid en 1973.

“Desde o momento no que tivemos coñecemento desta delicada circunstancia tratamos de determinar a trazabilidade e analizar as condicións nas que chegaron ao Museo de Pontevedra”, indicou Rey, quen explicou que as pinturas ingresaron no Museo como depósito do coleccionista José Fernández López.

“Descoñecemos onde e en que momento foron adquiridas por Fernández López, pero todo parece indicar que puido telo feito nun dos establecementos da familia Maragall, a Sala Parés de Barcelona ou a Galería El Cisne de Madrid, das que era cliente habitual”, abondou o director. Engadiu que, coa finalidade de dispor dunha peritaxe especializada, contactouse con Ana María Diéguez Rodríguez, especialista en pintura flamenca e actual directora do Instituto Moll (Centro de Investigación de Pintura Flamenca radicado en Madrid e referencia para esta temática) quen apuntou como impresión preliminar que se trata das mesmas obras espoliadas.

Comentarios