luns 06.04.2020

A Livraría Torga pecha logo de anos de traballo en Ourense

O mundo da cultura, nomeadamente a contorna da que foi a capital literaria, recibe nestes días a nova do peche das portas dun espazo de referencia para a cultura propia.

Libraría Torga
Libraría Torga

Torga foi moito máis que unha livraría ao uso. O xeito de facer de Xavier Paz, ceibe, independente e aloitador bulebule incansábel, foi quen de dotar de personalidade de seu ao espazo en plena rúa da Paz, que alén de vender libros, sempre foi unha plataforma que asumía a lanzadeira de novos proxectos propios ou alleos, cunha intensa programación cultural e que nos últimos tempos tratou de pular polo mercado xusto e solidario.

“Corren novos tempos, e debemos adaptarnos a traballar con outras metodoloxías para garantir a visibilización da nosa cultura” di Paz, que asegura que vai intensificar todo o camiño que xa ten andado consistente na creación de productos culturais e eventos, así como a edición de libros que non teñen cabida noutros selos editoriais. A decisión do peche da livraría “é tomada logo dunha longa reflexión derivada da análise da situación económica actual e unha política imperante que afoga todo canto é cultura”.

Xavier Paz é un dos socios fundadores da Difusora de Letras Artes e Ideas, que supuxo toda unha revolución no mundo editorial ao concebir o libro como un produto que vai máis alá de páxinas impresas. A Difusora ten organizado eventos coma os Foros do Feísmo, o festival Outono Fotográfico, ou o proxecto en torno a Eduardo Blanco Amor “EBA 5.0”, todos eles con publicacións. E ten editado libros como a triloxía “Nunca Máis. A voz da cidadanía”, “Allariz 1989. Crónica dunha revolta” ou “Os instrumentos musicais na tradición galega”, todos eles posicionados en livrarías galegas e portuguesas.

comentarios