CRÍTICA DE ROCK E OUTRAS LERIAS

Liv Sin: imposíbel non seguila

Cando no 2015 Sister Sin anunciaron a súa inesperada separación, os fans da banda sueca ficaron descolocados. Aínda así, era seguro que de algún xeito o espírito da banda rexurdiría, e así ocorreu o ano pasado, cando a súa vocalista Liv Jagrell anunciou o que sería o seu novo proxecto en solitario, Liv Sin. Agora en 2017, apresenta o seu novo álbum, chamado Follow Me, un disco co que esta Dama do Metal volve a percorrer os escenarios.

Este disco desvela unha das grandes curiosidades que moitos tiñamos sobre os camiños que ía seguir Liv Jagrell  en solitario. Non é fácil para alguén que foi durante 14 anos a imaxe dunha das bandas de old scholl metal, rachar co pasado e variar. Mais Liv foi quen neste traballo de combinar o estilo da súa antiga formación cunha evolución cara aos seus propios gustos. Nos 11 temas atopamos un espírito máis trasher, cun son máis potente e cru e no que a voz de Jagrell amósase máis salvaxe. Un rexistro este no que a vocalista parece sentirse moito máis a gusto e liberada. Unha clara mostra disto é a colaboración do vocalista de Destruction, Marcel Schmier, en Killing Ourselves To Live, un dos máis brutais temas do plástico e que por momentos lembra Arch Enemy.

A diferenza dos seus traballos anteriores, notamos unha influencia de Judas Priest en todas as composicións, mesmo incluíron unha versión de Inmortal Sin, un tema de Fight¸ o proxecto en solitario de Rob Halford, toda unha declaración de intencións. Seguindo a estela sonora xermana, contou con dous  produtores de excepción, como foron Stefan Kauffman (Accept – U.D.O.)  e Fitty Wienhold (U.D.O.),  o que deixa ben claro cales son os vieiros polos que quere seguir Liv. A liberdade de ser a súa propia xefa e de cantar a súas propias letras permítenos ver unha Jagrell que estaba agochada detrás das cancións de Sister Sin, sen poder saír para explotar todo seu potencial.

Let Me Out,  o tema que sacara de adianto, daba a entender que as súas raíces de metal da vella escola estaban intactas aínda que se permitía un xogar un pouco con estilos máis evolucionados, mais, unha vez escoitado o disco, podemos destacar que os dous primeiros temas do álbum, The Fall  e Hypocrite, son os que realmente definen esta nova andaina.  Uns temas que lembran claramente os Judas Priest da época do Painkiller.  Liv permítese traer non só trash  ao seu cóctel,  senón que é quen de tomar toques de todo espectro do metal, acompañada sempre dunhas poderosas guitarras que fan deste plástico un auténtico creba-pescozos.

Liv  convídanos a seguila con este novo traballo e non hai escusa para no facelo. Un traballo que gustará a metaleiros clásicos e aos máis modernos. Unha Liv poderosa e rotunda que se liberou das cadeas para ser ela mesma e ofertarnos o seu mellor traballo até o momento.  Simplemente, incríbel.

VIDEO: LIV SIN – LET ME OUT https://youtu.be/9qNeERh1sUw

LIV SIN NAS REDES

Facebook: https://www.facebook.com/LivSin

Twitter:  @livsin

LISTAXE DE TEMAS

  1. The Fall
  2. Hypocrite
  3. Let Me Out
  4. Black Souls
  5. Godless Utopia
  6. Endless Roads
  7. Killing Ourselves To Live
  8. I’m Your Sin
  9. Emperor Of Chaos
  10. Immortal Sin
  11. The Beast Inside

 

Comentarios