'Libros prohibidos', por Xoán Costa

libro2

No mesmo ano de 1864 en que os seminaristas de Lugo ameazan con apedrar a imprensa de Soto Freire se ousa publicar El Codio de Rosalía, o Boletín Eclesiástico do Bispado de Tui marca como libros prohibidos para toda a súa xurisdición El Almanaque Democrático e Los Salmos Democráticos.

O bispo, que se fixera cargo da diocese en 1856, despois de pasar en idéntigo cargo catro anos en Mondoñedo, é Telmo Maceira de Pazos, que xa en 1857 elaborara un informe en que conclúe que os fieis están contaminados por “malas doctrinas”.

libro

No mesmo denunciaba a práctica do adulterio ao tempo que reclamaba medidas no código penal para quen non cumprir os preceptos de confesón e comuñón anuais.

Esa apelación ao código penal seguramente lle viña dos anos que pasara como senador en contacto coa lei humana. Foi senador vitalicio desde 1843 a 1864. Na súa ficha de parlamentar, segundo o Senado de España, non hai ningunha actividade declarada. Isto é, en cuarenta anos de senador non presentou nen unha iniciativa que beneficiase, nen no físico nen no espiritual, os seus fregueses-

Mais como bispo si actuou. Prohibe na súa diocese o uso de textos bíblicos impresos no estranxeiro porque poden falsear a verdadeira doutrina mais tampouco o contentan os impresos en Madrid e manda que os párrocos procuren a edición de 1848 do Catecismo do Padre Ribalta e corrixan o sexto mandamento para que onde pon “no cometer adulterio” poña “no fornicar”. Estas cousas e outras prédicas provocaron a publicación dun impreso anónimo, titulado La Verdad, onde o bispo era chamado “asesino, ladrón y simoniaco”. O folleto, enviado por correo ao bispo e ao resto do Cabido, motivou unha pastoral que non viu a luz até despois da súa morte. Morte provocada, dixo o arcebispo de Compostela, pola tristura de tal calumnia.

Comentarios