O Salón do Libro Infantil e Xuvenil recupera a presencialidade na súa 23ª edición

O Libro Infantil volve a Pontevedra

Coa arte como eixo temático, o XXIII Salón do Libro Infantil e Xuvenil de Pontevedra recupera a presencialidade e presenta unha edición na que se homenaxeará a escritora Marica Campo e o ilustrador Xosé Cobas, e no que Euskadi será o país invitado. O Salón inaugura, ademais, a primeira residencia artística Nexus. 
Marica Campo será unha das homenaxeadas nesta edición do Salón do Libro Infantil e Xuvenil. (Foto: AELG)
photo_camera Marica Campo será unha das homenaxeadas nesta edición do Salón do Libro Infantil e Xuvenil. (Foto: AELG)

Aldaolado, o dúo formado por María Lado e Lucía Aldao, inaugura o vindeiro 11 de marzo o XXIII Salón do Libro Infantil e Xuvenil de Pontevedra, que decorrerá, principalmente, no Pazo da Cultura. Unha edición que recupera a presencialidade despois de dúas edicións nas que houbo que tirar dos encontros virtuais, en 2020, ou resolver a cita cunha importante redución na capacidade de público, en 2021. Máis de trescentas actividades encherán a cidade de propostas para animar á lectura entre os días 11 e 27 de marzo. 

A edición deste ano orbitará arredor da arte e a creatividade, polo que unha parte importante da programación estará constituída por obradoiros creativos de ilustración, de fotografía, de encadernación ou de banda deseñada; roteiros pola cidade que ensinan os murais artísticos das rúas pontevedresas, as obras da Illa das Esculturas ou a obra de Castelao no Museo de Pontevedra; ou faladoiros sobre creación artística. A figura e a obra de Maruxa Mallo obterá tamén unha atención especial cun obradoiro de máscaras baseado nas súas pinturas e unha sesión de contacontos de Polo Correo do Vento e mais Antón Ke na que percorrerán dunha maneira lúdica e creativa a vida e obra da artista. 

A presenza das artes complétase co cartel realizado para esta edición pola viguesa Bea Gregores, gañadora de diversos premios no mundo da ilustración e do cómic, que foi a escollida entre as 39 propostas recibidas como resposta á convocatoria aberta. 

Os contacontos, como é habitual, terán unha presenza destacada: Soledad Felloza, Raquel Queizás, Charo Pita, Trinketrinke Teatro, Ana Apika, Os Monicreques de Kukas, Pavís Pavós, ou Bea Campos, entre outros, contarán as súas historias ao longo dos 17 días que durará o evento, cun Roteiro de Historias especial, polo interior do Pazo da Cultura, o día 20, no que se celebra o Día Mundial da Narración Oral. 

O teatro terá o seu momento de honra no Salón coa celebración do 10º aniversario do espectáculo Fíos, de Baobab Teatro, un fito na escena para a cativada do país, mais tamén estarán presentes outras compañías como Marcel Gros, DaTe Danza, Uxía Lambona e a Banda Molona, ou Migallas Teatro. 

Julia Lago, Premio Castelao de Banda Deseñada, é a artista seleccionada para a primeira edición das Residencias Artísticas Nexo do Salón.

Homenaxes a Marica Campo e Xosé Cobas 

Nesta edición decidiuse escoller Euskal Herria como país convidado, coa finalidade de mostrar a súa cultura a través de artistas como a escritora Concha Pasamar, a contacontos Ana Apika e mesmo algún dantzari de bailes tradicionais vascos. 

Seguindo cos invitados de honra, o Salón renderá homenaxe a Marica Campo, no ámbito da escrita, e a Xosé Cobas no da ilustración. O sábado 26 será o día en que ambos recibirán o recoñecemento ás súas traxectorias. 

Ademais, Julia Lago, Premio Castelao de Banda Deseñada, é a artista seleccionada para a primeira edición das Residencias Artísticas Nexo do Salón. A autora disporá de 15 días de residencia e contará co apoio do alumnado do bacharelato de artes da cidade para elaborar nos arredores do Pazo da Cultura unha obra "que xirará arredor da creatividade xuvenil e dos valores que quere transmitir O Salón 2022". 

O Congreso estudará as posibilidades de diálogo entre as diversas disciplinas artísticas, centrándose fundamentalmente na relación que mantén a literatura infantil e xuvenil co repertorio da tradición oral e co ámbito da ilustración

IV Congreso Internacional de Mediación Lectora 

De forma paralela ao Salón, nas tardes dos días 10, 17 e 24, desenvolverase o IV Congreso Internacional de Mediación Lectora no que o protagonismo será para a reflexión, o debate e os diálogos entre creadores e creadoras. Esta edición do Congreso, que terá lugar baixo o título de Con moita arte!, buscará -malia que a lectura literaria segue a ser o seu epicentro- estabelecer conexións con outras manifestacións creativas, co propósito de incidir na idea de que as diferentes mostras artísticas e culturais configuran un mosaico asentado en múltiples pezas diversas, mais ao mesmo tempo complementarias. 

O Congreso estudará as posibilidades de diálogo entre as diversas disciplinas artísticas, centrándose fundamentalmente na relación que mantén a literatura infantil e xuvenil co repertorio da tradición oral e co ámbito da ilustración, ou nas súas potencialidades para á cativada na lectura sen esquecer a educación estética. Igualmente, as sesión abordarán o tema da convivencia entre o libro tradicional e os soportes derivados das novas tecnoloxías. 

Xosé Cobas será o encargado de abrir a primeira sesión para ofrecer unha memoria da súa traxectoria creativa. A el seguiranlle as intervencións de especialistas como Paula Carballeira, Txabi Arnal, Concha Pasamar, María Xesús Fernández, Laura Romero ou Paola Guimeráns, entre outros.

Comentarios