'Levantarse e caer', así soa o novo tema de Xabier Díaz

Este é o primeiro single dun disco que verá a luz o vindeiro mes de abril.
photo_camera 'Levantarse e caer', o novo tema de Xabier Díaz.

O músico Xabier Díaz estreou esta sexta feira 'Levantarse e caer', o primeiro tema do seu novo traballo —homónimo— en solitario, que se publicará o vindeiro mes de abril.

Este novo traballo discográfico en solitario, nunha liña paralela ao percorrido xunto ás Adufeiras de Salitre, "afonda nos sentimentos de benestar, autocoñecemento e bondade, e na relevancia das experiencias infantís na construción dos nosos eus adultos", sinalan desde o seu equipo de comunicación.

Díaz canta aos que o sistema considera "perdedores", cando en realidade "nada garantiza que ser primeiro ou segundo vaia facerte máis feliz que ser penúltimo ou último", analizando a relativización do concepto occidental de "éxito".

Este tema, no que o artista afonda na importancia de sobreporse aos fracasos e saber, ao tempo, fala de asimilar os éxitos, nunha reflexión sobre a resiliencia e a necesidade de lembrar as caídas do pasado para explicar as feridas de hoxe.

O videoclip, que foi gravado entre Esposende e o Gerés, contou coa dirección de Juliana Ramalho e Diogo Martins, e coa fantástica actuación de Luís Pereira, o alter ego infantil do propio Xabier Díaz, que enfrontou o disco como "unha ollada á infancia, sen ter nunca a certeza de se o que lembramos foi exactamente así". Unha ollada sanadora pero "non morriñenta nin nostálxica".

O novo disco, apuntan, "combina arrolos de composición propia con temas nos que o artista tende unha liña entre a infancia e a madurez, nun traballo creado en paralelo á súa traxectoria xunto ás Adufeiras de Salitre, coas que continúa colleitando éxitos".

"A fina liña entre o éxito e o fracaso, a importancia de aprender a gañar e perder dentro da felicidade e a relativización do concepto de triunfo", iso é 'Levantarse e caer'.

Comentarios