Leopoldo Nóvoa, pintor da cinza e a luz

Mostra antolóxica no Museo de Pontevedra
LEOPOLDO  NOVOA negro dominante perforado  2010  130x195cm  4 2
photo_camera Unha obra da última etapa de Leopoldo Nóvoa. Imaxe: Museo de Pontevedra.

O lume é a cicatriz que percorre a obra de Leopoldo Nóvoa (Salcedo, Pontevedra, 1919-París, Francia, 2012). A que marcou unha das máis célebres derregas da pintura galega e europea. Porque o lume devastou en 1979 o seu estudio de París, queimou un milleiro de obras propias e a súa colección persoal e nada volveu ser igual. A cinza converteuse na materia  do lenzo. Pasaran case tres décadas desde que, no Uruguai, se iniciara á arte, pero o incendio obrigouno a volver comezar. O seu estilo máis característico corresponde a esta etapa serodia, unha das que revisa a mostra Leopoldo Nóvoa 1919-2019 no Museo de Pontevedra. Mais en absoluto a única.

"Penso que nunca houbo na Galiza unha exposición sobre Nóvoa destas características", indica a comisaria Rosario Sarmiento a Nós Diario, "que abranxera tanta traxectoria, con obra dos seus principios e anteriores ao incendio". Inaugurada hai pouco máis dunha semana, permanecerá aberta até o 26 de abril. Case medio cento de cadros repasan unha vida dedicada aos pinceis desde Montevideo nos anos 50 a París e Armenteira (Meis) nos anos 90. E que encetou xusto despois de exiliarse en 1938 desde a Galiza. O seu pai era o cónsul de Uruguai en Vilagarcía de Arousa, e favorábel á causa republicana.

En Montevideo estabeleceu relación con Joaquín Torres García. Un inaudito Nóvoa figurativo e colorista corresponde a eses anos: bodegóns, vistas da cidade, liñas grosas. Ao pouco trasládase a Bos Aires e coñece quen será o seu segundo mentor, Luís Seoane. Grazas a el, colabora en Galicia Emigrante e  organiza a súa primeira mostra individual, na galería Velázquez. A pegada de Seoane evidénciase nese tramo do seu labor, con figuras de vivas cores, superficies planas e a memoria da Galiza no repertorio.

"Naquela altura, Nóvoa sempre mencionaba unha mostra de Colmeiro que vira en Vilagarcía de Arousa. E como este non pintaba deuses, senón xentes do común, panadeiros, mariñeiros", explica Sarmiento. A viaxe cara á abstracción, a linguaxe que finalmente dominará a súa paleta, aceleraríase ao pouco, cando volve a Montevideo e coñece o escultor vasco Jorge Oteiza. Realiza daquela un mural no estadio Luis Tróccoli en que incorpora refugallo, escoura, ferralla. "Descubre a importancia da luz na pintura", sinala a comisaria. E marcha en 1965 a París.

A información íntegra pode ser consultada na edición en papel de Nós Diario, á venda nos quioscos, ou na súa lectura na nube

Comentarios