Unha lembranza á vontade colectiva que ergueu o monumento a Rosalía

Nenas e nenos lendo fragmentos da súa obra e o grupo Habelas Hainas poñéndolles música pecharon o acto institucional co que a Deputación da Coruña homenaxeou Rosalía con motivo do 180 aniversario do seu nacemento. O escenario foi o monumento da Alameda de Santiago que chega este ano ao seu centenario como símbolo do entusiasmo colectivo con Rosalía.

alameda1
photo_camera Un momento do acto desta mañá [Foto: Natalia Porca]

Centos de persoas, alén das autoridades, sumáronse á homenaxe colectiva coa que a Deputación da Coruña quixo lembrar o impulso colectivo que hai cen anos foi quen de erguer a estatua da Alameda. “Esta homenaxe quere honrar unha figura de referencia galega, unha persoa que merece todo o noso recoñecemento, a parte da faceta como poeta tamén como persoa valente que alberga o mellor dos galegos”, sinalou o presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso que quixo tamén destacar na súa intervención os valores de Santiago de Compostela, “unha cidade que hai cen anos foi quen de conseguir, entre persoas anónimas, artistas, escritores e escritoras e emigrantes recoñecer e homenaxear a gran figura que foi Rosalía de Castro, que protexeu os valores que ela defendeu e que merece tamén o recoñecemento daDeputación da Coruña”.

alameda2

Pola súa parte, a vicepresidenta e responsábel da área de Cultura da Deputación da Coruña, Goretti Sanmartín, comparou a imaxe de Rosalía no monumento ca escultura “O pensador” de Rodin denominada inicialmente “O poeta”. “Moito teremos andado o día en que galegas e galegos nos acheguemos a esta estatua e vexamos unha filósofa, unha pensadora, “a poeta”, como a ela lle gustaba dicir, pois odiaba a palabra “poetisa” que daquela significaba a persoa que compoñía versos “para as pombas e as flores”.  Sanmartín que destacou tamén o “empeño e a vontade colectiva” por realizar o monumento que chega este ano ao seu centenario e que a área de Cultura conmemora promovendo a investigación sobre a súa historia que se plasma no libro 'Quen fora pedra', de Miguel Anxo Seixas que se repartiu no acto.

24 de febreiro

Mañá, sexta feira, é a xornada central das celebracións, desta volta protagonizadas pola Fundación Rosalía de Castro, que pola mañá organiza un acto institucional no Hostal dos Reis Católicos en Compostela, onde foi bautizada a poeta hai 180 anos. 

Alén desta acto e do concerto de Ialma na Casa de Rosalía, a Fundación vén de poñer en marcha unha celebración á escocesa, cunha clara intención de instalalo na cultura popular, como a Noite de Burns o está no país norteño. Trátase de celebrar o día tomando un “Caldo de Gloria”, tal e como Rosalía o conta no seu poema “Miña casiña, meu lar”, acompañado do recitado dos seus textos. 

Logo dunha experiencia piloto o ano pasado con xentes da cultura, agora a Fundación lánzase a propoñer a idea a todo o país, partindo da súa base operativa en Padrón. Nesta vila máis de vinte  establecementos hostaleiros ofrecerán o caldo e poemas para quen vaia celebrar o día ou a noite de Rosalía. E na Casa-Museo serán os Larpeiros da TVG quen se encarguen de elaborar o caldo con bolo do pote, reivindicando a épica dos humildes. 

Outros actos

A figura de Rosalía, inmensa, enche xa todo o calendario de febreiro, con centos de actividades, desde lecturas de versos, a concursos de videopoemas, adaptacións gastronómicas, mobilizacións nas redes sociais. Mesmo unha asociación de comerciantes do Morrazo promoveu unha campaña por mor do seu 180 aniversario. Ou o Punto Gal, que puxo en marcha unha campaña de oferta dos dominios galegos ligados á súa imaxe e xogando cos teus textos. A AELG fixo unha recompilación de todas estas actividades, que se poden consultar aquí.

Comentarios