Lara Dopazo Ruibal gaña o Fiz Vergara de poesía cun libro sobre o desamparo

Escribir desde a precariedade é, segundo o Lara Dopazo Ruibal (Marín, 1985), o elemento común da súa xeración poética. "A frustración dunha vida precaria está aí, no fondo, sexa nos poemas máis preciosistas, exóticos, ou sexa en poemas directamente políticos", di. O libro co que vén de gañar a XVII edición do premio Fiz Vergara Vilariño non é unha excepción.
 

Lara_Dopazo_Ruibal_1
photo_camera A poeta Lara Dopazo Ruibal. Foto: cedida.

Claus e Lara, "antagonistas pero complementarios", protagonizan Claus e o alacrán. A obra, organizada en tres partes, alterna poemas estensos con textos breves, "de transición". E ratifica a singular querenza da autora pola poesía de riscos narrativos. "É poesía, claro, aínda que conta unha historia, cun principio e un final", engade. Malia esta vontade, resúltalle difícil identificar un argumento.

"Cústame falar do libro neses termos", explícase, "prefiro referirme ao contexto en que o escribín. Coido que iso axuda a comprendelo". Escrito no ano 2015, Claus e o alacrán é produto do tempo terríbel en que a democracia sucumbe ás leis do mercado. "É fillo da precariedade", considera, "de non ter traballo e vivir na precariedade. E de logo conseguir traballo, pero seguir na precariedade. De ver como as túas amigas emigran. De toda esa frustración".

A realidade das traballadoras pobres expresada a través da poesía, ao cabo. O xurado do Fiz Vergara, convocado pola asociación cultural Ergueitos de Sarria, afirmou que a obra de Dopazo Ruibal reflexiona "sobre a construción da identidade". "Cando soltas un libro", as lecturas son incontrolábeis, expón a poeta, "pero chocoume que dixesen que o libro é sobre as identidades". Porque, sobre todo, trata "do desamparo".

A relectura de Estevo Creus (Cee, 1971), cuxa poética surrealizante é, por veces, próxima a da autora de Ovella (2015) -premio Francisco Añón e o seu primeiro libro exento-, contribuíu á composición de Claus e o alacrán. A poeta danesa Inger Christensen (Vejle, 1935-2009), de rigorosas arquitecturas e temática sociopolítica, foi outra presenza determinante. "Normalmente, as influencias non son tan evidentes, pero si o foron para este libro. Non o agocho". Christensen é mesmo citada nalgún dos textos da obra premiada.

O facer poético de Lara Dopazo Ruibal aparece recollido nas dúas antoloxías que intentan dar corpo xeracional ás novísimas, No seu despregar (2016) e 13. Antoloxía da poesía galega próxima (2017). Pero ela dúbida á hora de se considerar "xeración". Só o concepto de desprotección, o salvaxismo social do capitalismo realmente existente, engade, une as propostas das poetas menores de 35 anos. "Temos estudos superiores, fomos máis ou menos escolarizadas en galego, e vivimos o Xabarín Club. Pero o que está no fondo e xorde nos poemas é a frustración da precariedade".

O xurado que outorgou a Claus e o alacrán o XVII premio Fiz Vergara Vilariño de Sarria, dotado con 6.000 euros, estivo formado por Charo Lopes (Boiro, 1988) -gañadora da edición de 2015 con De como acontece o fim do mundo-, Olalla Cociña (Viveiro, 1979) -gañadora en 2008 con Libro de Alicia-, e Estevo Creus -gañador en 2002 con Decrúa-, amais de María Casar, de Ergueitos, e a concelleira de Cultura Mónica López. Espiral Maior editará a obra.

Comentarios