Kalandraka celebra 25 anos de libros

O catálogo do selo pontevedrés -que publica en sete linguas- supera os 700 títulos.
O stand da Editorial Kalandraka en Expoesía, en Soria, o pasado mes de agosto.
photo_camera O stand da Editorial Kalandraka en Expoesía, en Soria, o pasado mes de agosto.

A editorial Kalandraka vén de facer os seus primeiros  25 anos este pasado 2 de abril, xornada na que se celebra Día Internacional do Libro Infantil e Xuvenil. Vinte e cinco anos engaiolando as nenas e os nenos cos seus "Libros para soñar". Ao longo da súa traxectoria, o catálogo do selo pontevedrés -que publica en sete linguas- supera os 700 títulos. 

Foi a partir de recibir o Premio Nacional ao Mellor Labor Editorial Cultural 2012, por primeira vez a unha editora especializada en literatura infantil e xuvenil, cando Kalandraka deu un salto cualitativo ao ampliar o seu fondo con novas coleccións para público adulto: narrativa, ensaio, literatura de natureza, poesía, teatro, pedagoxía… Esta expansión atende, precisamente, segundo manifesta a editorial, á vontade de seguir acompañando no seu tránsito vital as lectoras e os lectores de antano, mais coas necesidades e cos intereses que teñen no presente.

Libro infantil de calidade

Kalandraka, porén, segue publicando libros de calidade recoñecida para a infancia, que emocionan, divirten e aspiran a perdurar no tempo. Destacan as obras distinguidas nas últimas edicións dos certames de creación nos que colabora a editorial dende hai 15 anos: o Premio Internacional Compostela para Álbums Ilustrados que recibiu Esperando o amencer, de Fabiola Anchorena, e o Premio Internacional Cidade de Orihuela de Poesía para Nenas e Nenos outorgado a Fabiana Margolis por Fleco de nube, con ilustracións de Concha Pasamar.

Outro piar esencial na identidade da editorial durante este cuarto de século é a animación á lectura en centros escolares, librarías e bibliotecas; unha achega da editora para gozar da lectura en lingua galega. 

Comentarios