venres 07/05/21

'Jazzliza', espectáculo de jazz e poesía para conmemorar o Día das Letras

Jazzliza: a nosa voz de sempre nas nosas voces de hoxe. De Afonso X a Xela Arias, é un concerto coa Big Band do Conservatorio Superior de Música da Coruña que decorrerá o 6 de maio, ás 20 horas, no Teatro Colón da cidade.
valentin
Imaxe da presentación do evento esta cuarta feira na Coruña. (Foto: Nós Diario)

Jazzliza: a nosa voz de sempre nas nosas voces de hoxe. De Afonso X a Xela Arias é o nome do espectáculo co que a Xunta e mais a Deputación e Concello da Coruña conmemoran o Día das Letras Galegas de 2021, e farano a través dun concerto en directo que vai decorrer o 6 maio, ás 20 horas no coruñés Teatro Colón.

Jazzliza confórmana unha ducia de textos singulares doutros tantos poetas nunha panorámica histórica dirixida polo pianista Alberto Conde, en colaboración con Silvia Alonso, Xurxo Fernández e Nilaila, Bea García, Carmen Rey, Diana Tarín e Xurxo Souto, entre outros.

A iniciativa, que levará a cabo a Big Band do Conservatorio Superior de Música da Coruña, presentouse na tarde de onte na cidade e contou coa presenza do secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, o delegado da Xunta, Gonzalo Trenor, e o tenente de alcaldesa, Juan Ignacio Borrego.

Todos eles felicitaron os artistas promotores e colaboradores do proxecto, que ofrece "un diálogo entre a música e a literatura escrita en galego desde a lírica medieval até a poesía contemporánea".

Juan Ignacio Borrego recalcou, pola súa banda, que a cidade iniciará o mes das Letras con este concerto e reivindicou que o jazz "se respira na cidade nos locais pequenos onde reside a esencia e nos grandes que lle dan envoltura".

A Big Band do Conservatorio Superior de Música herculino executa este espectáculo que, segundo os organizadores, "repasa os imprescindíbeis da poesía galega desde o jazz e da man de artistas de primeiro nivel".

Figuras como a de Xela Arias, homenaxeada nas Letras Galegas deste ano e cuxa familia tamén estivo na presentación deste proxecto; ademais do fotógrafo Xulio Gil, da poeta Ánxeles Penas e da cantante e compositora Carmen Rey.

comentarios