Do 17 ao 19 de agosto

Jazz a bordo na ría de Ferrol

Unha rede cosida con música jazz tapizará a ría de Ferrol na fin de semana do 17 ao 19 de agosto. O festival Jazz de Ría unirá Ferrol e Mugardos cunha programación repartida nas dúas localidades que achegará algunhas das principais variedades do xénero.
 

abe rabade trio
photo_camera O Abe Rábade Trío. Rábade, o pianista, á dereita. Foto: cedida.

“Recuperar a lancha como medio de transporte e gozar dese paseo mariñeiro pola ría de Ferrol a ritmo de jazz”, sinalan desde a organización, “ademais con escenarios localizados nun entorno patrimonial, integrado co maior dos respectos e cunha proposta artística de tanta calidade”.

19-agosto-jazz-da-ria

O dixie -ritmo primitivo orixinado en Nova Orleáns- dos galegos Low Bay Hot Band que abrirá o encontro a sexta feira, 17 de agosto, a bordo da lancha que navega entre os peiraos das dúas vilas. Esa mesma xornada pola noite, no Cantón de Cora de Mugardos, o trío do batería ferrolán Miguel Lamas marcará o inicio oficial. A seguir, o cuarteto dun mugardés, o contrabaixista Simón García, amosará o seu último disco, Bassically. Será tempo de fusuión, con aires funk, swing ou de bossa nova.

Ao día seguinte, o programa comeza ao mediodía. Na Praza Vella de Ferrol haberá “unha chispeante sesión vermú”. Correrá a cargo do swing e o dixie -a prehistoria do jazz, dalgún xeito, cando aínda se bailaba- da Madrid Hot Jazz Band. Ao tempo, a escola Swing On Vigo ofrecerá “un obradoiro aberto de lindy hop”, unha das moitas danzas asociadas a ese período do jazz.

O Tina Raymond Trio será unha das presenzas internacionais da cita. O seu último disco, Left Right Left, inspírase na continuidade progresista da historia americana, do Movemento polos Dereitos Civís da poboación afroamericana á potencia dos sindicatos durante o New Deal. Modernista e de vangarda, con inevitábeis paradas no gospel.

Na noite do sábado 18 de agosto, na Praza Vella de Ferrol, Puerta Sur xunta o vibrafonista galego Ton Risco, o batería Dani Domínguez e o contrabaixista Joan Masana, “o jazz máis inesperado”.

A última xornada do Jazz de Ría empezará ao mediodía no Cantón de Cora de Mugardos, coa cantante e saxofonista catalá Eva Fernández. E o trío do compostelán Abe Rábade, un dos pianistas fundamentais do Estado e máis alá, porá o ramo, cun concerto no Castelo de San Felipe, “iluminado e coidado para a ocasión”, en que intepretará o seu inminente novo disco.

Ademais dos concertos, entre a segunda feira e a quinta, as asturianas Mapi Quintana e Maite Heres impartirán un obradoiro “de jazz e improvisación para grandes voces pequenas” no Centro Cultural Torrente Ballester. O 16 de agosto, á tardiña, no Baluarte de Ferrol amosarán o aprendido.

Os concellos de Ferrol e Mugardos organizan o festival Jazz de Ría, que este ano atinxe a súa segunda edición.

Comentarios