Os Irmandiños conmemoran vinte anos de asaltos ao castelo de Vimianzo

Os Irmandiños vólvense rebelar contra a opresión dos señores feudais e tomarán este sábado de novo o castelo de Vimianzo. Como cada primeiro sábado de xullo desde hai vinte anos este día 4 conmemorarase a revolución e a vitoria do pobo sobre os poderosos. 

irmandiños

O castelo de Vimianzo convértese un ano máis no referente do poder ao que as Revoltas Irmandiñas van vencer, como naquel século XV ao que cada ano, e desde hai vinte, vólvese nunha singular festa  que rememora un dos episodios de máis forza no relato da nosa historia nacional. 

Durante toda a semana, en Vimianzo conmemórase o episodio histórico que hai vinte anos tomaron como motivo da súa festa mais é o propio sábado a xornada principal na que se toma o castelo e se celebra a vitoria do pobo sobre o poder que o oprime. A actualidade está sempre presente nesta representación no que se conmemora a rebeldía fronte á inxustiza. 

Asalto e música na noite

Teatro, música, feira artesanal, concursos, unha cea medieval no castelo ou a VIII edición dos Pinchos Irmandiños nos bares e restaurantes locais son algunhas das actividades paralelas á festa. Máis serán os concertos do sábado a noite e a representación cos veciños e veciñas da localidade da que partilla o público os momentos cumios da festa, nun entorno singular como é o propio castelo de Vimianzo. 

Desde as 10 da mañá estará xa aberta a Feira Artesanal na Praza do Concello e a exposición permanente sobre armas e armaduras da Idade Media, arredor do que se fará tamén un taller interactivo. No Castelo desenvolverase a mostra de artesanía ao vivo mais a música, o baile, a comida da época e unha chea de actividades completarán un programa que chega na noite ao seu punto álxido, coa cea medieval e o asalto ao Castelo que está previsto ás 23.30 horas. Ruaille-Buaille, Alamedadosoulna, Artistas del Gremio e Dakidarría porán música á histórica e rebelde xornada. 

Comentarios